Skip to main content

Dous congresos en Medicina profundan esta semana nos pesticidas e outros contaminantes orgánicos

A Facultade de Medicina acolle esta semana o desenvolvemento de dous congresos internacionais nos que se darán cita máis de 200 especialistas de 30 países, entre eles representantes de sociedades de gran relevancia internacional como a European-Mediterranean Association for the Environmental Education Assessment and Protection, a International Association of Environmental Analytical Chemistry e o Pesticide and Environment Italian Research Group.

Nos encontros tratarase de intercambiar coñecemento e tecnoloxía que permitan unha actualización multidisciplinar completa sobre os pesticidas e outros contaminantes orgánicos, especialmente os chamados ‘emerxentes’, con énfase en problemas medioambientais, aspectos de seguridade alimentaria e nas novas ferramentas analíticas. Preténdese ademais promocionar a colaboración e a transferencia de coñecemento entre científicos, industria e autoridades competentes en control medioambiental e alimentario.

O programa inclúe nove conferencias de recoñecidos científicos e 200 achegas orais ou tipo poster, ademais dunha exhibición dos principais avances recentes en instrumentación analítica.

Ambos os dous congresos están organizados polo grupo LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química da USC e o INGACAL-CIAM da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 10.04.2016.