Skip to main content

O compost de restos de peixe con algas de arribazón é axeitado como fertilizante agrícola, emenda o substrato de cultivo

Marta Illera Vives, entre os directores da súa tese, Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal, na sede do Ibader
Marta Illera Vives, entre os directores da súa tese, Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal, na sede do Ibader
A tese presentada no Ibader por Marta Illera Vives e dirixida por Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal, aborda a valorización de recursos mariños vistos como residuos

A compostaxe de restos de peixe xunto con algas de arribazón xera un material axeitado para uso agrícola como fertilizante, emenda ou substrato de cultivo, segundo conclúe a investigación desenvolvida no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC por Marta Illera Vives e recollida na tese de doutoramento ‘Valorización de restos de peixe e algas: desenvolvemento e avaliación dun compost para uso en agricultura ecolóxica’ que vén de presentar Marta Illera Vives.

O estudo da valorización e potencial aproveitamento da gran cantidade de recursos que subministra o mar, parte dos que ou ben están considerados ou poden constituír un residuo baixo determinadas circunstancias, é o obxecto das pescudas realizadas por Illera Vives e recollidas na súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores da USC Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal.

Esta enxeñeira técnica agrícola e graduada en Ciencias Ambientais analiza na súa tese de doutoramento a posibilidade de por en valor e dar utilidade aos restos de peixe e ás algas de arribazón que son retiradas das praias. Ambos os dous materiais presentan excelentes calidades para a agricultura e de feito foron utilizados dende hai séculos como fertilizantes, sinala Illera Vives, cuxa investigación procura maximizar o aproveitamento das calidades destes residuos-recursos, mediante o deseño dun novo produto, que poida ser utilizado en agricultura ecolóxica.

Nesta liña de estudo, Illera Vives procedeu á compostaxe de peixe procedentes de pesca extractiva e algas de arribazón xunto con codia de piñeiro, nunha proporción 1:1:3 (v/v). Logo de 10 semanas obtívose, un material estable, ben estruturado e hixienizado. Para avaliar o seu potencial agrícola e poder definir as súas recomendacións de uso, o compost someteuse a unha caracterización física, química e biolóxica completa, así como unha posterior avaliación en campo para estudar os seus efectos no solo e cultivos.

Os resultados obtidos mostraron un interesante potencial do produto resultante para ser usado como fertilizante, emenda ou substrato de cultivo, así como a súa adecuación ás normativas legais españolas para poder comercializalo como emenda ou substrato. Este compost tamén é susceptible de obter a etiqueta ecolóxica europea (Ecolabel) para poder ser usado como emenda e como substrato de cultivo, aínda que neste último caso sería necesaria unha previa diminución da salinidade, explica a Marta Illera, quen sinala que esta redución da cantidade de sal é doada de acadar a través de procesos sinxelos de lavado ou inmersión.

A investigadora recoñece que aínda que o compost resultante da mestura destes produtos mariños coa codia de piñeiro non presenta os nutrientes mínimos para ser comercializado como fertilizante orgánico, ensaios de incubación posteriores permitiron comprobar que unha dose de 30 t ha -1 libera en 90 días cantidades suficientes de nitróxeno inorgánico para a maioría dos cultivos. Doutra banda, os ensaios realizados en campo nunha rotación hortícola puxeron de manifesto tamén o seu valor fertilizante, así como un importante efecto residual.

Tribunal da tese e cualificación
O catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Felipe Macía presidiu o tribunal encargado de cualificar a investigación de doutoramento presentada por Marta Illera Vives, unha tese con mención internacional que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude.

A profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS Belén Hernández; Alberto Mazaguer, da Universidade de Politécnica de Madrid; Jorge Domínguez, da Universidade de Vigo, e Silvana Nicola, da Universidade de Turín, completan a relación de membros deste tribunal.

The contents of this page were updated on 12.30.2015.