A USC traballa con alumnado preuniversitario no descubrimento de novos antimicrobianos

En 2012 nacía na Universidade de Yale a iniciativa Small World Initiative (SWI) coa fin de achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novos estudantes para fomentar a vocación investigadora a través dunha estratexia de ‘crowdsourcing’ dirixida ao descubrimento de novos antibióticos. O método a seguir é idéntico ao célebre achado casual da penicilina por Alexander Fleming, mais de maneira dirixida e participativa xa que implica a externalización de tarefas que, en lugar de ser subcontratadas, quedan a cargo dun grupo numeroso de persoas voluntarias ou dunha comunidade.
O proxecto chegou a España en 2016 da man de profesores da UCM, cunha novidade respecto ao proxecto norteamericano como é a integración de diversos niveis educativos mediante unha estratexia de aprendizaxe-servizo. Xa en 2017 ponse por primeira vez en práctica na USC baixo o nome MicroMundo-SWI e a responsabilidade dos docentes da USC Trinidad de Miguel Bouzas, Sandra Sánchez Poza e Carlos Rodríguez Osorio.
A comunidade participante no SWI da USC, que conta co apoio da Sociedade Española de Microbioloxía e se enmarca no programa A Ponte, está constituída por centros de ensino secundario da nosa contorna e na súa titorización participan alumnos da materia Microbioloxía I do grao en Farmacia. Tratan de descubrir novos microorganismos a partir de mostras de solo seleccionadas por eles mesmos, así como avaliar o seu potencial para a produción de novos antibióticos.
MicroMundo/SWI@USC MicroMundo/SWI@USC presentou os seus resultados no Salón Nobre de Fonseca nun acto de clausura que presidiu a vicerreitora Celia Besteiro e no que interviñeron María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago e membro do proxecto da WHO/IUATDL ‘Global project on Anti Tuberculosis Drug Resistance Surveillance’, cunha charla sobre a resistencia aos antobióticos e Balázs Libisch, do Centro Nacional húngaro de Investigación e Innovación en Agricultura, e Lubomír Janda, do Instituto checo de Investigación Veterinaria.
O proxecto MicroMundo/SWI@USC pretende implicar xente nova nun proxecto de ámbito internacional que estimule a vocación do alumnado preuniversitario pola investigación científica, motivándoo para realizar a súa formación universitaria en Ciencias Experimentais e da Saúde ou a continuar a súa carreira científica neste ámbito unha vez rematados os estudos universitarios.
Por outra banda, busca concienciar a sociedade sobre un problema de saúde acuciante: a crecente resistencia das bacterias aos antibióticos e a necesidade de financiar a investigación para o descubrimento de novos antimicrobianos. De non ser así, advirten os responsables da iniciativa, os custes económicos e sociais ata o ano 2050 estímanse respectivamente en 100.000 billóns de euros e 300 millóns de mortes prematuras.
No proxecto da USC os estudantes universitarios actúan como monitores SWI mediante una estratexia de aprendizaxe e servizo (ApS), modalidade que implica o alumnado en proxectos educativos con utilidade social vencellando así de maneira directa a Universidade coa cidadanía. Son, deste xeito, estudantes da materia Microbioloxía I de Farmacia quen nos centros de Ensino Secundario e Bacharelato colaboradores, e baixo a supervisión do PDI implicado, organizan e xestionan un laboratorio de microbioloxía no que traballan con microorganismos ademais de charlas sobre o problema das resistencias bacterianas e o seu impacto socioeconómico.
No caso de observar no traballo de campo algún fenómeno positivo de antibiose, os monitores SWI emprazan a alumnado seleccionado a participar nun obradoiro na USC no que se explicará como se realiza a identificación dos microorganismos mediante técnicas microscópicas, bioquímicas e moleculares. Rematado o proxecto, os microorganismos seleccionados deposítanse na colección do Departamento de Microbiooxía e Parasitoloxía ou en grandes coleccións xestionadas por plataformas de rastreo a gran escala, como a da Fundación MEDINA (Granada) onde estarán a dispor dos equipos que desexen caracterizar en profundidade a produción de posibles antibióticos.