O Cessg distingue este sábado como colexiado de honra o profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez
O Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia (Cessg) distinguirá este sábado o profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC Jesús Rodríguez Rodríguez como novo colexiado de honra da entidade no marco dun acto que se desenvolverá a partir das 16.30 horas, na sede do Centro de Convivencia Maruja Mallo de Lugo.
A mención honorífica outorgada polo Cessg a este xermadés, que desde 1998 é profesor na Facultade de Ciencias da Educación da USC, constitúe un recoñecemento expreso do seu labor e contribucións ao desenvolvemento da profesión. Deste xeito, Jesús Rodríguez unirá o seu nome aos de Xosé Manuel Cid, Mariló Candedo e Ana Iglesias. Integrante do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, no que dirixe a Revista Galega de Educación, e responsable dos Econtros Interxeracionais que se celebran cada ano na parroquia xermadesa de Cabreiros, Jesús Rodríguez, manifesta sentir “tremenda emoción por unha distinción que recoñece o traballo colaborativo que se desenvolve na USC, así como no colectiva Nova Escola Galega ou mesmo desde a asociación de Cabreiros”. Rodríguez agarda asemade que a concesión deste recoñecemento por parte do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia sirva tamén para dar visibilidade a toda a xente que contribúe ao desenvolvemento da educación en Galicia.