Skip to main content

A profesora María de los Ángeles Gómez González premiada pola Asociación Española de Lingüística Aplicada

María de los Ángeles Gómez González. Foto: Servimav-USC
María de los Ángeles Gómez González. Foto: Servimav-USC

A profesora María de los Ángeles Gómez González acaba de ser recoñecida pola Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA), unha das asociacións científicas europeas con maior número de socios/as, co seu XXII Premio de Investigación na categoría de Investigadores Experimentados. O recoñecemento foi outorgado no transcurso do 37º Congreso que a asociación celebrou en Valladolid polo volume The Construction of Discourse as Verbal Interaction de M. Á. Gómez González e J. Lachlan Mackenzie, editado en 2018 pola prestixiosa editorial John Benjamins (Amsterdam).

Este premio ten como obxectivo fomentar a investigación de calidade nos ámbitos temáticos de AESLA, valorando o grado de coñecemento sobre o tema investigado, o rigor científico do traballo, a relevancia e innovación dos resultados obtidos e as implicacións teórico-prácticas para investigacións futuras. O traballo polo que foi premiada a docente da USC presenta achegas novidosas sobre análise do discurso e proporciona unha visión novidosa da súa utilización na interacción verbal, tomando en consideración tanto as súas características explícitas como as implícitas. O volume combina temas teóricos cunha orientación práctica, comparando idiomas, analizando diferentes rexistros ou estudando fórmulas de apertura, entre outras cuestións.

María de los Ángeles Gómez González é catedrática no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, onde coordina as materias English Phonetics and Phonology, English Syntax and Semantics, English Grammar and Discourse, e Pragmatics and Discourse Analysis in English, que entroncan co seus intereses de investigación: a lingüística funcional e aplicada, así como a pragmática e a análise (crítica) do discurso. Ademais é a investigadora principal do grupo SCIMITAR, un foro para a cooperación internacional entre persoal investigador centrado no estudo da interface entre gramática e o discurso no inglés actual. O grupo traballa especificamente na comparación intralingüística de diferentes variedades de inglés e na súa comparación lingüística con outros idiomas, especialmente o español.

The contents of this page were updated on 04.04.2019.