Skip to main content

A USC lidera un programa europeo de formación e capacitación para restaurar e rehabilitar terreos degradados

García-Rodeja e Almudena Hospido, na presentación do programa Landcare
García-Rodeja e Almudena Hospido, na presentación do programa Landcare
Os países participantes no proxecto Landcare, financiado con 265.000 euros e coordinado polo profesor da USC Agustín Merino, son España, Portugal, Italia e Grecia

A USC coordina o programa internacional Landcare, unha iniciativa de interese social e ambiental no que participan catro países do Sur de Europa con problemas de degradación de terreos como consecuencia do cambio climático ou, entre outros motivos, a sobre explotación de recursos. Este proxecto, que persigue mellorar as capacidades de formación para restaurar e rehabilitar terreos degradados de Grecia, Italia, España e Portugal, está coordinado polo profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Agustín Merino, e conta con 265.000 euros de financiamento do programa Erasmus de Sociedades Estratéxicas para Educación Superior ‘Erasmus + KA203’.

A vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, e o director do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da institución académica compostelá, Eduardo García-Rodeja, presentaron este luns o proxecto Landcare na Facultade de Bioloxía, no marco dun acto no que se apuntou a recuperación/rehabilitación de solos afectados por incendios, terreos contaminados por diferentes actividades, áreas costeiras afectadas con diferentes usos ou contaminación, e áreas húmidas que soportan unha enorme presión de diversa tipoloxía, como algúns dos espazos de actuación contemplados no proxecto Landcare. A presentación deste programa internacional, cuxo desenvolvemento se estenderá entre 2015 e 2018, serviu asemade para lembrar como algúns problemas de terreos degradados xa foron solucionados grazas ao intercambio de información e de boas prácticas dunhas rexións a outras. Daquela, a través dunha estratexia axeitada, este tipo de exemplos ou casos prácticos, ofrecen unha enorme oportunidade para a formación de futuros especialistas e tamén no plano educativo. Dado que a propia restauración de terreos degradados abre a posibilidade de novas actividades económicas, o programa Landcare aborda tamén aspectos económicos. Daquela, cómpre indicar que parte da poboación xuvenil afectada polo desemprego conta coa preparación necesaria para acometer a restauración de terreos degradados. A actualización destas persoas que xa contan con capacitación profesional permitirá promover unha actividade económica baseada na propia restauración de terreos e áreas degradadas. Neste senso, o proxecto Landcare conta tamén cun importante programa de emprego, a través do que se pretende favorecer o aproveitamento das oportunidades que ofrece a chamada economía medioambiental, no que se refire a desenvolvemento rural e emprego xuvenil. A maioría das accións previstas pola USC no marco do programa Landcare desenvolveranse no campus de Lugo, segundo indicou o profesor Agustín Merino, quen, entre outras accións, adiantou que ao longo de 2016 se desenvolverá un curso piloto na sede universitaria luguesa aberto á participación de alumnado, ademais doutro curso de adestramento para profesionais.

The contents of this page were updated on 11.30.2015.