A Unidade Mixta Repsol-Itmati cumpre o seu primeiro ano de vida
A Unidade Mixta de Investigación Repsol-Itmati conmemorou o seu primeiro aniversario cunha sesión informativa na Facultade de Matemáticas da USC que contou coa presenza do reitor Juan Viaño e do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco José Conde López. Tamén estiveron presentes a presidenta de Itmati, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey; o director científico-técnico do proxecto, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela; e i director de Relacións Científicas e Computación Avanzada de Repsol, Jesús García San Luis.
Formada en outubro de 2014 e cunha vixencia de tres anos, esta unidade mixta está constituída pola empresa Repsol e o Consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMAI) para investigar métodos matemáticos e numéricos de resolución de problemas atopados de forma recorrente na actividade diaria de Repsol e nos seus proxectos de investigación. Concretamente, a Unidade traballa sobre cuestións de simulación e optimización de gran tamaño e complexidade utilizando ben técnicas matemáticas e computacionais habituais no desenvolvemento das aplicacións industriais, ben mellorando os métodos existentes ou desenvolvendo novas ferramentas. A Unidade supón a consolidación da colaboración previa que a empresa Repsol mantiña co grupo de Enxeñaría Matemática (mat+i) da USC.
En total, esta cooperación mantén activas catro liñas de investigación sobre optimización de plantas de procesos baixo incertidume, deseños e carga de sistemas de almacenamento de enerxía, problemas inversos en sistemas de reacción e imaxe e hardware non convencional. O seu desenvolvemento busca incrementar a vida útil das baterías que usan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga rápida, así como incorporar aos procesos de toma de decisión na planificación da produción en plantas industriais a incertidume existente no referente a prezos, demandas e calidade de materias primas e produtos. Outro dos obxectivos será inferir modelos complexos e rigorosos de fenómenos físicos e químicos a partir dun reducido número de observacións.
O catedrático de Matemática Aplicada Alfredo Bermúdez de Castro é o director científico da Unidade, mentres que Julio González Díaz, Jerónimo Rodríguez García, José Luís Ferrín González e Francisco Pena Brages, todos eles da USC, coordinan as catro liñas de investigación. O equipo intégrano en total 30 investigadores/as de procedentes do ámbitos das matemáticas, a física, a enxeñaría ou a informática. Como se puxo de manifesto na sesións deste luns, a posta en marcha da unidade permitiu a creación de 15 postos de traballo directos e especializado durante un período de tres anos.