Formación do Profesorado súmase á campaña de prevención de violencia de xénero promovida pola Xunta de Galicia
O programa de concienciación e prevención da violencia de xénero nos 7 campus universitarios galegos, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade que comezou a súa andaina en Santiago de Compostela, chegou este luns á Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lguo, onde permanecerá instalado durante toda a xornada un posto informativo, no que os membros da comunidade universitaria poderán facer ‘selfies’, cos que participar logo nun sorteo de 7 tarxetas de regalo (un por cada campus de Galicia), no que se premiarán as imaxes que reciban máis votos en Facebook.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella. O decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, participaron este luns no acto de apertura desta campaña informativa e de prevención da violencia de xénero no campus de Lugo. A posta en marcha desta campaña promovida pola Xunta de Galicia e orientada fundamentalmente ao público universitario pretende, ademais de sensibilizar contra a violencia de xénero, rachar con certos estereotipos machistas presentes na mocidade, segundo indicou a secretaria Xeral de Igualdade. López Abella indicou asemade que, logo de deterse unha xornada no campus de Lugo, esta campaña de prevención de violencia de xénero continuará a súa andaina polos outros campus universitarios galegos.