Skip to main content

Ciencias Económicas e Empresariais conmemora a festividade do seu patrón san Vicente Ferrer

O grupo de premiados/as xunto coas autoridades que asistiron á sesión celebrada este luns. Foto: Servimav-USC
O grupo de premiados/as xunto coas autoridades que asistiron á sesión celebrada este luns. Foto: Servimav-USC

Ciencias Económicas e Empresariais conmemorou este luns 8 a festividade do seu patrón, san Vicente Ferrer, cunha sesión protocolaria no Salón de Graos do centro presidida pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e na que tamén participaron o decano Xoán Ramón Doldán García; e o profesor ad honorem do departamento de Organización de Empresas e Comercialización Justino Bastida Calvo que pronunciou a conferencia ‘Económicas e Empresariais / ADE: onte e hoxe’.

Premio a Martín Códax
O protocolo do acto comezou coa entrega de diversos premios impulsados pola Facultade, como o premio Fulget 2018 outorgado á empresa Martín Codax, en cuxo nome recolleron o galardón o seu director executivo, Juan Antonio Vázquez Gancedo, e a directora de Márketing, María Garrido, ambos os dous antigos alumnos do centro. Como destacou o decano da Facultade, o premio Fulget quere recoñecer a colaboración das empresas coa Facultade pola súa achega no desenvolvemento de actividades complementarias á docencia ou de prácticas, iniciativas todas elas que permiten mellorar a formación do alumnado e manter unha estreita comunicación coa contorna empresarial. Tamén se entregou o premio do concurso de pintura CreArte na Universidade 2018 outorgado a Alejandra Pardo Martínez.

Excelencia académica
Na mesma sesión tamén se entregaron os premios extraordinarios de Grao correspondentes ao pasado curso académico a Lucas Jacobo Luaces Rozados e Francisco López Bermúdez (Economía) e a Jorge Saldaña Moscoso (ADE), así como os de corresponde a Máster a Leandro Javier Llorente González (Desenvolvemento Económico e Innovación); Antonio Rodríguez García (Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas); e a Rubén Pájaro García (Dirección e Xestión Contable e Financeira). Tamén no apartado dos premios académicos, María Ángeles Pereira Sánchez recibiu o premio extraordinario de Doutoramento 2015-2016.

Finalmente, entregáronse os premios á Calidade Lingüística do curso 2017-2018, outorgado a Alba Martínez Mirás, alumnado do grao en Economía polo seu Traballo Fin de Grao, e a primeira edición do Premio María del Carmen Lorenzo Díaz a TFG e TFM do que foi igualmente merecedora Alba Martínez Mirás, na modalidade TFG, e Enid López López, na de TFM. O premio Mª del Carmen Lorenzo Díaz busca fomentar o desenvolvemento de traballos fin de grao e de mestrado sobre a xestión ou economía dos recursos naturais e o medio ambiente. Toma o seu nome de quen foi titulada pola USC así como docente na mesma universidade. Colaborou na posta en marcha das materias Métodos de valoración da economía ecolóxica e ambiental, Economía ecolóxica e do medio ambiente, Técnicas de avaliación medioambiental e Economía dos recursos naturais e do medio ambiente, ámbitos nos que ademais tivo unha prolífica actividade investigadora.

Ademais dun acto de recoñecemento da acción solidaria da Facultade coa Asociación Fonte da Virxe, asociación de familiares e amigos dos enfermos mentais, a conferencia de Justino Bastida e a intervención da vicerreitora Mar Lorenzo pecharon a xornada.

De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán, Mar Lorenzo, Justino Bastida e Juan Antonio Vázquez. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 04.08.2019.