Skip to main content

Unha delegación universitaria marroquí completa unha estadía na USC cun proxecto Tempus de cooperación internacional

Barreiro e Bueno, cos membros da delegación universitaria marroquí
Barreiro e Bueno, cos membros da delegación universitaria marroquí

Unha delegación de profesores e investigadores de varias universidades marroquís visitan os distintos centros da USC nos campus de Compostela e de Lugo no marco do proxecto Tempus ‘Medidas de acompañamento na montaxe, xestión e o seguimento de proxectos de cooperación internacional’ (MonProG), un programa coordinado pola propia institución académica compostelá e no que participan un total de 13 socios, entre os que figuran o propio Goberno marroquí, a través do seu Ministerio de Educación Superior e Investigación Científica, ademais de sete universidades do país norteafricano, así como outras institucións académicas de Francia, Italia e a propia USC.

A comitiva marroquí, formada polas profesoras Hayat Benmoussa, Souad El Khattabil e polo tamén profesor e investigador Mohamed Najiui, remata hoxe a súa estadía na USC logo de dúas semanas de visita. Neste tempo, os investigadores marroquís participantes neste proxecto Tempus, financiado pola Comisión Europea e cunha duración de tres anos, tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as estruturas de xestión e investigación da USC, especialmente todas aquelas ligadas aos procesos de xestión e tramitación de proxectos de cooperación internacional.

Na súa visita ao campus de Lugo, a delegación universitaria marroquí visitou as dependencias de investigación do edificio Cactus, así como as instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e algúns laboratorios de investigación da Facultade de Veterinaria, ademais de participar nun encontro na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo cos vicerreitores Javier Bueno e Andrés Barreiro.

The contents of this page were updated on 07.31.2015.