Skip to main content

O segundo volume da colección Limiar aborda os xogos de palabras na prensa gratuíta en galego

Cuberta do novo volume do ILG
Cuberta do novo volume do ILG

O segundo volume da Colección Limiar do Instituto da Lingua Galega (ILG) aborda Os xogos de palabras na prensa gratuíta en galego: De Luns a Venres , cuxo autor é o xornalista e Premio Xerais de Novela 2015 Héctor Cajaraville Araujo.

O estudo de Cajaraville Araujo parte da análise dos elementos que se empregan na prensa gratuíta para a elaboración de titulares baseados en xogos de palabras, co obxecto de establecer unha clasificación segundo a súa motivación. Entre outras cuestións, o autor reflexiona sobre os mecanismos activados para a elaboración destes xogos, a importancia dun coñecemento compartido entre emisor e receptor ou a relevancia do contexto, o significante, os elementos paratextuais ou o propio sentido dos termos.

A Colección Limiar é unha iniciativa do Instituto da Lingua Galega (ILG) que busca consolidarse como vía para a difusión en soporte dixital de monografías orixinais centradas nalgún aspectos directamente relacionado coa lingüística e a filoloxía galegas. É un espazo que se ofrece de xeito preferente a investigadores novos e que dirixe o director do propio instituto Ernesto González Seoane, contando cun comité editorial con integrantes de procedencia internacional.

Os orixinais que se presenten para ser publicados nela deben superar un proceso de avaliación externa por pares. As linguas de publicación son galego, portugués, catalán, español, francés, inglés e italiano. Os textos deben ter unha extensión de entre 20.000 e 50.000 palabras. A colección inaugurouna o traballo de Carolina Pérez Capelo Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en –oa, -oá, -úa, e –uá o pasado mes de xuño. Todos os número da Colección Limiar poden descargarse libremente a través da web do Portal Dixital de Libros da USC Lib{USC}.

The contents of this page were updated on 12.30.2015.