Tres iniciativas investigadoras da USC conseguen as axudas da Fundación BBVA
Das 63 axudas que a Fundación BBVA concedeu este ano para financiar proxectos persoais tres pertencen a persoal docente e investigador da USC. Trátase da profesora da Facultade de Farmacia Carmen Álvarez Lorenzo, da enxeñeira química Sara González García e do investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) Martín Fañanás Mastral, que destacaron entre as máis de 1.900 solicitudes presentadas e que dispoñen do prazo dun ano para levar a cabo as súas propostas cun máximo de 40.000 euros para cada unha. Esta é a segunda edición anual do programa, dirixido a título individual a profesionais que se atopen nun estadio intermedio da súa carreira e que teñan unha traxectoria de excelencia e que terán ampla flexibilidade para xestionar os recursos cos que facer realidade proxectos innovadores e con capacidade de influír positivamente na sociedade. As axudas abarcan 11 grandes áreas de coñecemento relacionadas coas Ciencias Básicas, o Medio Ambiente, a Biomedicina e a Saúde, a Tecnoloxía e as Ciencias Sociais, as Humanidades e a Cultura e as Artes, e a selección de candidatos levouse a cabo de forma competitiva e rigorosa por 11 comisións independentes formadas por destacados especialistas de cada área. A profesora de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Carmen Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970) conseguiu a axuda na área de Bioloxía e Medicina para o proxecto ‘Lentes de contacto para ollo diabético’ co que pretende desenvolver lentes útiles na prevención e o tratamento localizado de patoloxías oculares asociadas á diabete. Tras tres anos de estancia posdoutoral no Massachusetts Institute of Technology (MIT, USA) volveu a España en 2001. Con 11 patentes no seu haber, a profesora da USC participou en máis de trinta proxectos, moitos deles internacionais e en colaboración coa industria. Xa na área de Ciencias do medio ambiente e Ciencias da terra, a comisión avaliadora considerou “exemplar e interesante” a proposta da enxeñeira química da USC Sara González García (Lugo, 1982), Ramón y Cajal do Departamento de Enxeñaría Química, cun perfil de investigación moi competitivo, brillante expediente académico e estadías no estranxeiro moi destacadas. Propón unha aproximación innovadora á xestión de residuos alimentarios urbanos en smart cities, de maneira que analizará o metabolismo urbano dunha cidade española tipo (125.000 habitantes equivalentes) e desenvolverá unha estratexia que tentaría reducir en orixe a xeración de residuos alimentarios. No caso de que isto non fose posible promocionaría a reutilización e reciclaxe deses residuos.
Pola súa banda, na área de Ciencias Básicas decidiuse outorgar unha das axudas a Martín Fañanás Mastral (Zaragoza, 1980), investigador Ramón y Cajalno CIQUS e Thieme Chemistry Journal Award 2015, para traballar no proxecto ‘Catálise cooperativa como chave para o uso de metano como reactivo en reaccións de acoplamento cruzado C-C’ cuxo obxecto é desenvolver procesos catalíticos que permitan converter metano noutras moléculas de alto valor engadido de forma eficiente e sostible. O metano é a maior compoñente do gas natural e do biogás, e a súa gran dispoñibilidade fai del un excelente candidato a materia prima para a industria química sempre que se consiga aumentar a súa reactividade, un dos grandes retos da química actual.