Debaten na USC sobre o espazo telepresencial nas artes escénicas e visuais
Responsables de Alg-a Laboratório, KònicLab e Laboratorio de Luz participan este venres 20 nun seminario sobre o espazo telepresencial nas artes escénicas e visuais e as TIC. A asistencia, dende a sala de prensa do Colexio de San Xerome a partir das 12.00 horas, é aberta previa inscrición en santiago [at] fceer.org (santiago[at]fceer[dot]org). A xornada enmárcase no proxecto Herm3tica de investigación en artes escénicas e visuais que, promovido por Alg-A Laboratorio e outras entidades, reformula coas TIC o concepto ‘hermética’ nun espazo no que o pechado fisicamente muda a aberto mediante o uso de cámaras, sensores e a posibilidade de telepresenza. Investigan así, entre outras cuestións, o achegamento a novos públicos e a mellora de ferramentas tecnolóxicas destinadas a profesionalizar o sector. Colaboración da USC En Herm3tica colabora a Universidade de Santiago, un dos escenarios escollidos para o proxecto que dende este mércores retransmite en streaming dende a Facultade de Ciencias da Comunicación coa participación activa do Espazo de Danza da USC e a co organización da Fundación CEER. Na acción ‘Tar0t Esquizoan4alisis’ que se pode seguir en tempo real (de 11 a 15 horas) as cartas do tarot se converten en escenas descritas por dispositivos tecnolóxicos e a súa interactividade, de maneira que se crean contornas que afectan a (s) subxectividade(s) igual que o fai cada carta.
O proxecto remata este venres 20 pola tarde coa performance final na que os artistas de Compostela (Espazo de Danza) e Valencia interaccionarán dende as súas cidades nun mesmo espazo telecompartido a través de datos, imaxe e vídeo que se poderá seguir simultaneamente dende varios puntos de España (en Santiago dende o CGAC, o Kunsthalle e a Nave de Vidán).