Skip to main content

Comezou o período de matrícula do obradoiro de elaboración de traballos fin de grao e máster para o Campus de Lugo

Poderá formalizarse ata o 27 de febreiro

O Obradoiro de elaboración de TFG e TFM no Campus de Lugo celebrarase entre os días 9 e 12 e do 16 ao 18 de marzo e o 14 e 21 de abril na Aula de Informática 2 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas en horario de tarde. O prazo de matrícula rematará o 27 de febreiro e está dirixido ao alumnado matriculado na materia de Traballo Fin de Grao ou no de Fin de Máster de calquera titulación. O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, que servirán de base ao alumnado para revisar o seu traballo fin de grao ou de mestrado xunto cunha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar dúbidas, erros e acertos dos traballos. O obxectivo é axudar ao alumnado a mellorar a redacción ao tempo que preparar con eficacia a defensa oral do traballo diante do tribunal. Nas 30 horas de carga lectiva, 23 delas de carácter presencial, revisaranse contidos lingüísticos e documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, uso de modelos de referencia) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información –Refworks) para a redacción do TFG/TFM, así como comunicacionais para a defensa do traballo ante o tribunal con apoio de presentación dixitais. O alumnado que curse estes obradoiros poderán validalos co recoñecemento de un crédito ECTS por competencias transversais en lingua galega e un diploma de asistencia por 30 horas. Modelos de TFM e TFG A maiores desta nova edición dos Obradoiros de elaboración, o Servizo de Normalización Lingüística pon a disposición do alumnado modelos de TFG e TFM para axudalo a obter a máxima calidade formal e en linga galega. Os modelos de TFG e TFM, tanto en formato Word como en Libre Office, presentan solucións formais en relación ás distintas partes destes traballos (portada, resumo, índices, capítulos ou bibliografía) así como ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes) e inclúen ferramentas de apoio á redacción, xa que o idioma do documento está fixado e o correcto automático listo para iniciarse. Deste xeito, quen queira utilizar estes modelos so terá que centrar nos aspectos máis directamente relacionados co contido.

The contents of this page were updated on 02.18.2015.