Skip to main content

Down Compostela premia o traballo do profesor da USC Pedro Diz Dios

Diz Dios dirixe a Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía
Diz Dios dirixe a Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía
Na mellora da saúde e hixiene bucodental de persoas con discapacidade

A Fundación Down Compostela acaba de concederlle un dos seus premios anuais ao catedrático de Estomatoloxía da USC Pedro Diz Dios polo seu traballo e esforzos por mellorar a saúde e hixiene bucodental de persoas con discapacidade, tanto a través da docencia como da investigación e a atención clínica. Diz Dios promoveu hai máis de dúas décadas a Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía que hoxe dirixe na USC, centro de referencia estatal e internacional no que atende pacientes con Síndrome de Down e discapacidade procedentes de toda Galicia. Ademais, o catedrático da USC coordinou en outubro de 2012 a edición do Manual de higiene bucal para personas con discapacidad, unha iniciativa pioneira no seu ámbito que contén información útil para profesionais, familiares e pais e nais. Na presentación da obra, o profesor Diz poñía énfase na necesidade de prestar atención ás persoas con discapacidade severa, nas que as complicacións bucais poden condicionar a inxesta alimentaria e mesmo chegar a provocar alteracións condutuais, o que pode afectar á súa vez a “comprometer o estado nutricional do paciente e a súa relación co contorno”. Máis premiados Os Premios Down Compostela 2015 premiaron tamén este ano, na súa cuarta edición, o IES As Fontiñas e a empresa Limpezas Salgado pola súa aposta pola integración escolar e a incorporación ao mercado laboral das persoas con discapacidade, respectivamente. Os galardóns entregaranse o próximo 18 de marzo no Hostal dos Reis Católicos.

The contents of this page were updated on 02.19.2015.