Skip to main content

O proxecto de divulgación científica da USC ‘Unha cebra na auga’ abre a súa terceira edición a 40 centros educativos galegos

Sánchez e Barreiro, no laboratorio de peixes cebra do campus de Lugo
Sánchez e Barreiro, no laboratorio de peixes cebra do campus de Lugo
Andrés Barreiro e Laura Sánchez presentan no campus de Lugo o programa, que conta con financiamento da Fecyt, e está dirixido a estudantes e docentes de ensino medio

O proxecto de divulgación científica ‘Unha cebra na auga’, promovido polos investigadores do Laboratorio de Peixes Cebra do grupo Acuigen da USC e a través do que se busca estimular novas vocacións científicas entre o estudantado galego da ESO, pretende chegar a 40 centros educativos de Galicia na súa terceira edición, cuxa inscrición permanecerá aberta ata o vindeiro 7 de marzo na páxina na web deste programa de divulgación científica.

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, e a directora do proxecto ‘Unha cebra na auga’, a catedrática da USC Laura Sánchez Piñón, presentaron este xoves a nova edición deste proxecto de divulgación da experimentación e estimulación de vocacións científicas entre o estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no edificio Cactus do campus de Lugo. Alén das dimensións de divulgación e experimentación científica deste proxecto, Barreiro sinalou que ‘Unha cebra na auga’ constitúe tamén unha fórmula de achegamento entre a USC e os estudantes de ensino medio. O aval recibido da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), que por terceiro ano achega financiamento para este proxecto foi outro dos elementos sinalados por Barreiro, quen destacou o éxito e o bo posicionamento do campus de Lugo en convocatorias competitivas como o son as da Fecyt. A Deputación de Lugo e a USC tamén colaboran no financiamento de ‘Unha cebra na auga’, segundo dixo Sánchez Piñón, quen tamén manifestou o seu agradecemento á colaboración recibida das empresas Intelixencia Visual e Genaqua, así como da Fundación TIC. Obxectivos e desenvolvemento do proxecto Os obxectivos fixados polos promotores deste proxecto, orientado á participación de alumnado de 4º de ESO e a profesorado de Ciencias Naturais e Inglés en ensino secundario, pasan por achegar a experimentación en laboratorio á aula a través do peixe cebra, un organismo modelo de experimentación en áreas como a biomedicina, acuicultura, alimentación... O coñecemento das leis da herdanza, eixe central do coñecemento biolóxico, das tecnoloxías xenéticas e de procesos biolóxicos como a senescencia e a apoptosis, a través dunha ferramenta virtual, son outros dos cometidos do programa, que resulta totalmente gratuíto para os centros interesados. O achegamento aos ciclos bioxeoquímicos do acuario, a estrutura dun ecosistema, a adquisición dun vocabulario científico acaído, tanto en lingua propia como en inglés, a concienciación respecto das posibilidades profesionais da ciencia da súa importancia, o fomento do debate nas aulas e o desenvolvemento de prácticas educativas baseadas na formación tecnolóxica son outras das premisas destacadas dos promotores do proxecto ‘Unha cebra na auga’. O desenvolvemento deste proxecto de divulgación científica entre o estudantado de ensinanzas medias prolongarase desde marzo ata xuño, segundo indicou Sánchez Piñón, quen subliñou tamén a importancia que confire este proxecto á formación de profesores de ensino secundario a través da organización de diversos obradoiros no que se conxugan sesións teóricas e actividades prácticas. Os centros educativos adheridos á iniciativa procederán á instalación dun acuario na aula e contarán tamén cun simulador pedagóxico, a xeito de laboratorio virtual. Asemade, de ser preciso, persoal do proxecto tamén se desprazaría ata os centros que requiran a súa presenza. A disposición dun acuario con peixes cebra permitirá ao estudantado facer un seguimento do ciclo biolóxico (embrión-larva-adulto) durante un período de tres meses, así como facer cruzamentos, análises de resultados, observacións microscópicas... Do mesmo xeito, o simulador virtual servirá para que alumnos e profesores poidan poñer en práctica os coñecementos adquiridos previamente. Unha xornada de portas abertas opcional para aquelas persoas interesadas en coñecer as instalacións e os equipos cos que traballa o grupo de investigación Acuigen da Facultade de Veterinaria serve de colofón dun programa que segue a ofrecer soporte técnico aos 77 centros educativos que xa participaron nas anteriores edicións. Edicións anteriores A segunda convocatoria do proxecto ‘Unha cebra na auga’ rexistrou a adhesión dun total de 57 centros educativos, dos 25 están emprazados na provincia da Coruña, 20 en Pontevedra, 10 en Lugo e dous en Ourense, precisou Sánchez Piñón. No programa piloto desenvolvido en 2013 participaron 20 centros educativos, lembrou.

The contents of this page were updated on 02.26.2015.