O reitor Juan Viaño preside este xoves en Lugo o acto de toma de posesión do profesor Tomás Cuesta como director da EPS
O reitor da USC, Juan Viaño Rey, preside este xoves, a partir das 12.30 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, o acto de toma de posesión do cargo do director da Escola Politécnica Superior (EPS), o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal Tomás Cuesta García.
A secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro Regueiro, será a encargada de dar fe do nomeamento do profesor Cuesta García como director da EPS, no marco dunha sesión protocolaria na que tamén estarán presentes, entre outros, os vicerreitores de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, e de Servizos Universitarios da sede universitaria luguesa, Carme Silva.
O profesor Cuesta García estará acompañado no acto de toma de posesión como director da EPS polas persoas que o acompañan no equipo directivo: Rosa Romero Franco, que ocupará Subdirección de Prácticas Externas e Orientación Laboral; Alberte Castro, en calidade de subdirector de Organización Académica; Ana Isabel García Arias, na Subdirección de Calidade e Relacións Exteriores. A profesora Montserrat Valcárcel Armesto desenvolverá as funcións de secretaria académica.