O profesor José Benlliure explica nunha charla as utilidades do Laboratorio Laser de Aceleración e Aplicacións da USC e o proxecto LaserPET
Coincidindo coa celebración do ano da luz, a Universidade de Santiago de Compostela está construíndo o Laboratorio Laser de Aceleración e Aplicacións (L2A2) que albergará un láser capaz de xerar pulsos ultra‐intensos e ultra‐cortos (50 TW) para desenvolver tecnoloxías e proxectos de investigación no ámbito da aceleración láser e as aplicacións dos pulsos láser ultracurtos (femtosegundos). Unha das principais propostas deste laboratorio, que explicará o profesor José Benlliure este venres 23 nunha conferencia ás 12.00 horas na Aula Magna da Facultade de Física, é o proxecto LaserPET, que investiga a viabilidade de utilizar esta nova tecnoloxía para producir de forma máis eficiente radioisótopos utilizados en imaxe médica. Utilidades As principais vantaxes dos novos sistemas de aceleración son a súa capacidade e o investimento. “Ademais do menor custe do láser respecto a un acelerador convencional hai que considerar a gran redución das blindaxes polo reducido tamaño da zona de aceleración así como os custes de mantemento”, explicaba José Benlliure recentemente.
A aceleración láser pode ademais ter un grande impacto na produción doutros radioisótopos de uso en aplicacións médicas e industriais así como en procesos de validación de materiais e compoñentes para a industria aeroespacial. A tecnoloxía láser de femto-segundos ofrece grandes oportunidades no ámbito do tratamento de superficies e materiais (fusión, soldadura, perforado,..) ou na fabricación de materiais nanoestruturados. O coñecemento e a tecnoloxía desenvolvida ao longo deste proxecto poderá abrirse posteriormente ao sector empresarial para o desenvolvemento dalgunhas destas aplicacións ou servizos.