Skip to main content

2.200 estudantes de secundaria coñecen a USC

2.200 estudantes de secundaria coñecen a USC
2.200 estudantes de secundaria coñecen a USC

2.200 estudantes de ensino secundario de toda Galicia visitan esta semana o campus de Compostela dentro dos Encontros na zona USC 2015. Trátase dunha iniciativa na que o programa A Ponte pretende achegar os futuros universitarios e universitarias aos estudos nos que poidan estar interesados mostrándolle as materias coas que se van atopar así como as posibles saídas profesionais das titulacións. As visitas, nas que participan estudantes de 42 centros de toda Galicia, comezaron este martes e repetiranse o mércores e o xoves. Nelas, ademais de coñecer as instalacións onde se imparte a titulación e os laboratorios de clases prácticas, asisten a unha clase regular de 1º curso. Os encargados de dirixir estes encontros polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC son os titores do alumnado de 1º curso, acompañados dos responsables dos centros. Están deseñados trece itinerarios que percorren a partir das 10.45 horas os Campus Norte e Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programados percorridos a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.

En Campus Vida, con saída dende a Residencia Monte da Condesa, visítanse Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; Psicoloxía e Ciencias da Educación.

The contents of this page were updated on 02.03.2015.