Enfermaría móstralle ao alumnado as posibilidades do seu futuro laboral
A Facultade de Enfermaría desenvolve este xoves 11 no Pavillón docente Novoa Santos unha xornada sobre as saídas profesionais do título dirixida ao seu alumnado de cuarto curso.
O encontro dará comezo ás 9.00 horas cunha charla de Marcos Pazos e Raquel Rodríguez sobre a carreira investigadora e docente, para continuar coa intervención da matrona do C.S. O Couto (Ourense) acerca das especialidades de Enfermaría. Seguiranlle Cristina Blanco, Andrea Grela e Alba Martínez, egresadas da USC e da UDC, que contarán as súas experiencias unha vez rematados os estudos.
A sesión continuará co relatorio do xefe do Servizo de Selección Temporal da Subdirección Xeral de Selección e Políticas de Persoal do Servizo Galego de Saúde, Manuel Díaz, e da supervisora da Área de Docencia e Investigación da EOXI Santiago Compostela, Sandra Vidal, sobre a inserción laboral no Sergas.
As institucións sociosanitarias como saída laboral no ámbito privado, a enfermaría militar e a colexiación para o exercicio profesional serán os tres temas cos que rematará a xornada.