Fondo pesar na USC polo falecemento da profesora Pilar Rodríguez Álvarez
A Universidade de Santiago de Compostela manifesta o seu fondo pesar polo falecemento este luns 9 da profesora do Departamento de Historia I Pilar Rodríguez Álvarez, vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia, onde desenvolveu toda a súa traxectoria académica e investigadora dende comezos da década dos anos 80. Pilar Rodríguez Álvarez, ourensá de nacemento e compostelá de adopción, logo da defensa da súa tese na Universidade do País Vasco pronto comezou a impartir docencia na Facultade de Xeografía e Historia, onde compatibilizou a actividade docente coa investigación no eido da historia antiga e das relixións, con especial vinculación coa Gallaecia, e coa xestión universitaria como secretaria do departamento de Historia I e da propia Facultade despois. Este martes 10, ás 13.00 horas en Boisaca, está prevista a celebración dunha cerimonia relixiosa na súa memoria.