Skip to main content

A profesora Carmen Fernández Morante tomará posesión o luns como decana de Ciencias da Educación

Carmen Fernández Morante é profesora de Didáctica e Organización Escolar
Carmen Fernández Morante é profesora de Didáctica e Organización Escolar
Nun acto protocolario no Colexio de San Xerome

A profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Mª Carmen Fernández Morante tomará posesión como decana da Facultade de Ciencias da Educación nun acto protocolario que presidirá o reitor Juan Viaño o vindeiro luns 9 ás 14.00 horas no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. No período de catro anos que a profesora Fernández Morante iniciou logo da súa elección o pasado mes de outubro avoga porque as facultades de Ciencias da Educación, “agora máis que nunca, deben ser referentes na defensa do ensino público e da cultura democrática e favorecer sinerxías con todos os axentes educativos cos que compartimos aspiracións e finalidade”. A proxección exterior do centro; a súa visibilidade institucional; ou o impulso do liderado da USC nas titulacións de Ciencias da Educación no SUG son algunhas das liñas de actuación que o novo equipo se formula como retos. Carmen Fernández Morante Especialista en tecnoloxía educativa, a súa traxectoria profesional está vinculada ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) aplicadas á formación, tema sobre o que ten impartido docencia universitaria e cursos formativos e de innovación docente para profesorado de todos os niveis educativos así como para profesionais da educación. Carmen Fernández Morante foi vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador e xefa da sección de Tecnoloxía Educativa do Instituto de Ciencias da Educación. Pertence á Asociación Internacional para o desenvolvemento da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á Educación (Edutec) e ao Observatorio Galego de e-learning. Ademais forma parte do grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e ten participado en numerosas publicacións e proxectos de investigación autonómicos e nacionais en colaboración con outros grupos. Como investigadora principal traballa en diversos proxectos europeos competitivos (e-Hospital, IEPTL, ICTeachers, ICTGoGirls, Rural School Cloud ou Create your future).

The contents of this page were updated on 02.06.2015.