Skip to main content

Entrega dos premios aos centros finalistas do II Certame campUSCulturae de Radio Escolar

O proxecto campUSCulturae da USC organiza este mércores 11 a segunda gala do Día da Radio, que reunirá a partir das 12.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación 400 escolares de primaria e secundaria de toda Galicia que ao longo dunha hora e media participarán nun programa radiofónico en directo conducido por Paco Lodeiro e Carlos Jiménez. Durante esta festa da radio, que será retransmitida en streaming por Radio campUSCultu-rae e por Ponte nas Ondas, haberá actuacións musicais en directo e conexións con distintas emisoras de España e Portugal e poderanse escoitar fragmentos dos programas que chegaron á final do II Certame campUSCulturae de Radio Escolar realizados por alumnos da Escola Unitaria de Lago, de Valdoviño; do CEP Carlos Casares, de Salvaterra do Miño; e do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas. Participarán tamén na festa como centros convidados o CEIP Vite I e o Colexio Divino Mestre, de Santiago de Compostela, e o CEIP Pino Manso de Porriño. O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira Fariña; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa Estévez; o presidente de Ponte nas Ondas (entidade co-organizadora da gala e socia do proxecto campUSCulturae), Santiago Veloso; e o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira Cruz, serán os encargados de inaugurar esta actividade.

The contents of this page were updated on 02.10.2015.