Skip to main content

Bioloxía e a Escola Politécnica Superior acollen este mércores a sexta Olimpíada de Xeoloxía

Bioloxía e a Escola Politécnica Superior acollen este mércores a sexta Olimpíada de Xeoloxía
Bioloxía e a Escola Politécnica Superior acollen este mércores a sexta Olimpíada de Xeoloxía

A Facultade de Bioloxía en Compostela e a Escola Politécnica Superior de Lugo son dúas das catro sedes que en Galicia acollerán este mércores 11 as probas correspondentes á fase galega da VI Olimpíada de Xeoloxía. A partir das 11.30 horas, a Olimpíada contempla unha proba teórica nas que os participantes responderán a unha batería de 40 preguntas tipo test e outra de carácter práctico cun primeiro bloque arredor dun mapa topográfico e unha segunda parte con actividades sobre fotografías xeolóxicas e exemplares de rochas, minerais e fósiles. Nesta edición da Olimpíada de Xeoloxía participarán máis de 250 estudantes de ensino secundario e Bacharelato de toda Galicia, o que significa un aumento considerable da participación con respecto a anos anteriores, segundo explican os promotores da competición, en cuxa organización colaboran a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social; a Facultade de Bioloxía; a EPS; o programa A Ponte; e o Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola. Como actividade de orientación educativa, a olimpíada busca fomentar o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ao tempo que animar ao estudantado participante a comezar estudos universitarios relacionados coa Xeoloxía e destacar a importancia da preservación do medio natural. A fase estatal celebrarase o 21 de marzo en Alacante co concurso de quen teña gañado cada fase territorial.

The contents of this page were updated on 02.10.2015.