Skip to main content

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC impulsa a creación dun ‘Recanto da Saudade’ en Lugo

Julia Melgar, Benita Silva e Javier Bueno, na Vicerritoría de Coordinación do campus de Lugo
Julia Melgar, Benita Silva e Javier Bueno, na Vicerritoría de Coordinación do campus de Lugo
A presidenta da AAAAUSC, Benita Silva, acompañada da vogal da asociación Julia Melgar, visitou o Concello de Lugo e a Vicerreitoría de Coordinación do campus

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela está a impulsar a creación dun ‘Recanto da Saudade’ no campus de Lugo, tal e como sinalou este mércores a presidenta da AAAAUSC, Benita Silva Hermo, no marco dunha visita institucional ao Concello de Lugo, onde participou nun encontro co alcalde Xosé López Orozco, é á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, onde foi participou nunha xuntanza co vicerreitor Javier Bueno Lema.

A creación no campus de lugo dun ‘Recanto da Saudade’, unha iniciativa que replica a xa existente no compostelán Campus Sur e que responde a un proxecto ideado no seu día polo finado Sixto Secto e que se puido materializar grazas á colaboración recibida do Concello de Santiago, foi un dos asuntos que Benita Silva trasladou tanto ao rexedor lugués como ao vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo. A finalidade que busca o futuro ‘Recanto da Saudade’ lugués é semellante á do espazo xa habilitado en Compostela baixo a mesma denominación e que non é outra que o de establecer un lugar que favoreza a creación dun sentimento de unión de por vida entre as distintas promocións de egresados da USC, neste caso dos centros emprazados no campus de Lugo, tanto coa propia institución académica na que se formaron como coa cidade que os acubillou durante o seu periplo universitario. Daquela, a creación dun ‘Recanto da Saudade’, ou o que é o mesmo, o establecemento dun monolito no que as distintas promocións de titulados/as do campus de Lugo da USC que celebren as súas vodas de prata ou de ouro coloquen unha placa en recordo de tal efeméride doada pola propia AAASUSC, simbolizará tamén o regreso á cidade dos antigos compañeiros de estudo de cada promoción universitaria, explicou Benita Silva, quen estivo acompañada nas súas visitas institucionais por Julia Melgar Riol, catedrática da USC e vogal da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC. Silva Hermo salientou que tanto o Concello como a Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo acolleron moi ben a proposta feita pola AAAAUSC para establecer un ‘Recanto da Saudade’ no campus lugués. Silva indicou neste senso que o alcalde de Lugo ofreceu a axuda do Concello para sufragar os custes derivados da compra, acondicionamento e colocación dun monolito de xisto no emprazamento universitario acordado, que podería ser o espazo axardinado da Facultade de Veterinaria próximo á rotonda que dá acceso á Biblioteca Intercentros, así como aos aularios da EPS e ao propio edificio Cactus, entre outros servizos universitarios. O vicerreitor Javier Bueno tamén considerou como positiva a idea de crear un ‘Recanto da Saudade’ no campus de Lugo, unha sede universitaria aínda moza, pero na que xa se están a conmemorar as vodas de prata das primeiras promocións de egresados, tal como sucedeu o pasado ano coa primeira promoción de veterinarios. Bueno indicou asemade que nas próximas datas tamén se celebrarán as vodas de prata da primeira promoción de enxeñeiros agrónomos egresados do campus de Lugo, unha efeméride que podería ser acaída para inaugurar o Recanto da Saudade do campus lugués.

The contents of this page were updated on 04.08.2015.