Skip to main content

Ciencias Económicas e Empresariais celebrou o patrón

O reitor impúxolle a Insignia de Ouro a José Carlos de Miguel en presenza da decana Emilia Vázquez (Foto: SERVIMAV-USC)
O reitor impúxolle a Insignia de Ouro a José Carlos de Miguel en presenza da decana Emilia Vázquez (Foto: SERVIMAV-USC)
O profesor De Miguel recibiu no acto a Insignia de Ouro da USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC celebrou este mércores a festividade do seu patrón cun completo programa no que se fixo entrega de varios premios e no que o profesor De Miguel recibiu a Insignia de Ouro da USC. O director do Máster de Xestión do Comercio Exterior da USC, Miguel Otero Simón, foi o encargado de xustificar a concesión do Premio Fulget 2014 á empresa Financiera Maderera S.A. (FINSA), un galardón que recolleu o secretario xeral do Grupo, José Carballo García. Recoñécese así a colaboración da empresa coas actividades desenvolvidas na facultade e na formación dos estudantes, a súa contribución no ámbito social da USC e a súa aposta no ámbito do desenvolvemento sostible. Tamén no acto, que presidiu o reitor Juan Viaño, Carmen Rivas Fraga recolleu o premio do concurso de pintura CreArte na Universidade 2015 pola súa obra ‘O que declina’, que pasará a formar parte do patrimonio artístico da Facultade. Deseguido tivo lugar a entrega dos premios extraordinarios 2013-2014 a Ana Recamán Moledo e Estefanía Carro Grela, do grao en Economía; a Esteban Carballal Liste e María Remuiñán Vilares, de ADE; a María Victoria Sánchez Costa, do Máster en Desenvolvemento económico e innovación; a José Antonio Espantoso Aldariz, do Máster en Desenvolvemento rexional e integración económica; a Zaira Camoiras Rodríguez, do Máster en Dirección de Empresas; e a Celia María López-Santos Ramírez, do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas. Do mesmo xeito, Romina García Chas e Rodrigo Gómez Monge fixeron o propio co seu premio de doutoramento 2011-2012. O programa finalizou cunha charla do profesor do Departamento de Economía Cuantitativa da USC José Carlos de Miguel, que remata este ano a súa actividade profesional por xubilación e a quen o reitor lle entregou a Insignia de Ouro da Universidade compostelá. Viaño agradeceulle a súa dedicación “e compromiso institucional ao longo destas cinco décadas”. “Un pode pasar pola universidade cumprindo estritamente cos seus cometidos, pero no teu caso fuches moito máis alá: asumiches as responsabilidades que che foron encomendadas, axudaches nos momentos máis delicados e lograches crear unha escola formada por moitas persoas”, díxolle. Numeroso público acudiu ao acto de celebración do patrón (Foto: SERVIMAV-USC)

The contents of this page were updated on 04.08.2015.