Skip to main content

Medicina acolle este venres unha xornada divulgativa polo Día Mundial do Parkinson

Cartel do encontro que se celebra en Medicina
Cartel do encontro que se celebra en Medicina

A enfermidade de Parkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente en persoas maiores de 65 anos e afecta en España a unhas 160.000 persoas, cun diagnóstico de aproximadamente 10.000 novos casos cada ano, segundo a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN).

Con motivo do Día Mundial do Parkinson, que se celebra cada 11 de abril, o Centro de Investigación Biomédica en Rede sobre Enfermidades Neurodexenerativas (CIBERNED), o seu grupo representante en Galicia, o de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson da USC e as asociacións de pacientes de Santiago de Compostela (ASPAC) e Vigo (PARKVIGO) organizan este venres 12 una xornada divulgativa no Salón de Actos da Facultade de Medicina.

A xornada pretende contribuír a visibilizar o impacto real da enfermidade de Parkinson na poboación e informar, en especial a pacientes e familiares, sobre a enfermidade e os avances actuais no seu tratamento. A inauguración, ás 16.00 horas, contará coa presenza do alcalde Martiño Noriega, representantes da Consellería de Sanidade e da Universidade de Santiago de Compostela, asociacións de pacientes, a xerente de CIBERNED, Ángeles Pérez, e o profesor José Luis Labandeira García, que dirixe o grupo investigador representante de CIBERNED en Galicia.

Para coñecer de primeira man o seu impacto social e emocional participarán representantes das Asociacións de Pacientes, que mostrarán o traballo deste tipo de asociacións. Ademais, contarase coa actuación do coro Parkinson Canta, da Asociación Parkinson de Vigo; as actividades relacionadas coa música achegan importantes beneficios aos pacientes, como evidencian diversos estudos científicos, e ofrecen unha mellora na calidade de vida complementaria á acción dos fármacos.

O evento inclúe cinco relatorios nos que se enfocará a enfermidade desde diferentes perspectivas. O profesor Labandeira realizará unha introdución sobre o Parkinson e as últimas investigacións levadas a cabo. Para coñecer outros aspectos da patoloxía contarase coa participación dos neurólogos expertos en Parkinson Ángel Sesar, do CHUS; Diego Santos, do CHUAC; e Carmen Labandeira, do Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro de Vigo. Por parte das asociación intervirán a psicóloga de ParkVigo, María Lens Villaverde, e un representante de Aspac.

The contents of this page were updated on 04.11.2019.