Skip to main content

Corenta institucións académicas de todo o mundo participarán no II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista

Corenta institucións académicas de todo o mundo participarán no II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista
Corenta institucións académicas de todo o mundo participarán no II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista

Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo.

O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Ademais, colaboran tamén os grupos de investigación da USC Románicas (Filoloxía, Literatura medieval) e Historia medieval: sociedade e territorio, o Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela e o portal de colaboración sobre o mundo académico medieval Medievalitis.

Xa de consolidada vocación internacional e sempre pensada para ofrecer aos máis novos investigadores un foro de utilidade científica onde compartir investigacións e os comezos dos propios proxectos, esta segunda edición vai contar con aínda máis participantes que a anterior, procedentes de España, Portugal, Francia, Italia, Inglaterra, Bélxica, Suíza, Porto Rico e Arxentina, vinculados a case corenta institucións académicas. As comunicacións repartiranse en dez mesas, cada unha dedicada a un tema específico dos estudos medievais e cun marcado carácter interdisciplinar (filoloxía, historia, historia da arte, arqueoloxía, filosofía, musicoloxía e humanidades dixitais).

Alén diso, están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media. O inaugural será presentado polo profesor Alfonso D’Agostino, ilustre filólogo e catedrático da Università degli Studi di Milano, que falará sobre as transformacións que poden afectar a un texto. A seguir, os días 25 e 26 de Abril, o profesor David Chao Castro e o catedrático Fernando López Alsina (ambos da Universidade de Santiago de Compostela) analizarán, respectivamente, a figura da raiña Juana Manuel e a relación entre o papa Calixto II e o Liber Sancti Iacobi.

Como na edición anterior, tamén este ano o Congreso quere seguir mantendo a súa vocación formativa para o estudantado que desexa mellorar o seu coñecemento sobre aqueles aspectos vinculados á Idade Media que se irán tratar. Por esta razón, esta actividade conta cun crédito ECTS recoñecido en Historia e Arte. A inscrición para os asistentes estará aberta até o día 23 de Abril. A asistencia formalizarase tamén coa entrega dun certificado oficial.

The contents of this page were updated on 04.15.2019.