Dez voluntarias da Facultade de ADE inician no eido das TIC a persoas con discapacidade intelectual
A Aula TIC-Pemes da USC achega as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ás persoas con discapacidade intelectual a través dunha nova edición do proxecto ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, unha iniciativa que na que colaborarán de xeito voluntario e altruísta dez universitarias do campus de Lugo, que, ao longo de diversas sesións prácticas, serán as encargadas de instruír ou, no seu caso, favorecer a alfabetización no eido das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) a persoas con discapacidade intelectual.
Esta nova edición do proxecto de alfabetización informática de persoas con discapacidade intelectual, botou a andar esta semana na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, onde, logo dunha sesión formativa previa a cargo da técnico do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC no campus de Lugo, Fátima Teixeiro, as persoas voluntarias implicadas neste proxecto da Aula TIC-Pemes, comezaron a a desenvolver xa as primeiras sesións de alfabetización informática con usuarios con discapacidade intelectual residentes no centro San Vicente de Paúl. O programa ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, que contempla a celebración de diversas sesións de formación práctica ao longo de todos os luns do mes de abril, é unha iniciativa que se axusta aos obxectivos que propiciaron a creación da da Aula TIC-Pemes da USC, entre cuxas premisas está a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TICs, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no ámbito das TIC. Esta actividade, de marcado perfil solidario e que afonda no compromiso e na responsabilidade social da Universidade de Santiago de Compostela, pretende contribuír a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social, tal e como é o caso das persoas con discapacidade intelectual, a fin de mellorar o seu grao de emprego ademais de evitar que permanezan illadas da sociedade da información.