Reflexionan en Ciencias da Educación sobre a muller como educadora no rural galego
¿Qué significa ser muller, mestra e alumna nunha comunidade rural? A esta cuestión tentarase responder este mércores 22 nunhas xornadas que recollerán a experiencia desas mulleres, as súas ideas, proxectos e vivencias para observar a innovación educativa no rural. Trátase de visibilizar a figura da muller como educadora nese contexto e reflexionar sobre a realidade de xénero dentro da escola e da comunidade rural. As V Xornadas de innovación educativa no mundo o rural ‘Muller, memoria e comunidade no rural galego’ que se desenvolverán dende as 9:45 horas no Salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) prestarán ademais atención a prácticas educativas realizadas dentro do marco comunitario, no que se analizará o potencial do cine como medio de recuperación da memoria educativa da comunidade. O encontro xirará en torno a tres temáticas: a realidade das mestras como propiciadoras de innovación e mellora da práctica educativa dentro e fóra da escola; a recuperación da memoria educativa como fonte de inspiración para a renovación pedagóxica e o desenvolvemento comunitario; e a comunidade como creadora autónoma de materiais didácticos conducentes a contar en primeira persoa a súa historia. Logo da apertura das xornadas terá lugar ás 10.00 horas a proxección do documental ‘Lembranzas dunha escola unitaria’, de Xosé Manuel Felpeto, que participará ao remate nun debate cos asistentes e con Manuel Cabaleiro, escolino entre os anos 1944 e 1955. A continuación desenvolverase a mesa redonda ‘Escolantes e escolinas, un relato interxeracional da escola do rural’ con Alicia López, Rosario Gómez, María del Carmen Míguez, Camino Pereiro e Cristina Pernas.