Skip to main content

As Fillas Bravas de Chévere ‘descarbonizaron’ o Teatro Principal

As Fillas Bravas nun momento da súa actuación
As Fillas Bravas nun momento da súa actuación

Por terceiro ano consecutivo, o Teatro Principal encheuse para recibir nesta ocasión ás Fillas Bravas, da Compañía de Teatro Chévere, e máis a Celso F. Sanmartín, nunha noite chea de risas e historias de “baixa enerxía” organizada polo proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco…’.

Coa platea chea das mulleres participantes nos grupos de traballo de Descarboniza (dos centros cívicos de A Rocha, Sar, Vite, Busto, Bornais, Lavacolla e Santa Marta), o espectáculo iniciouse coa entrada das Fillas Bravas e as súas primeiras coplas da noite. Tomando como referencia a súa aldea, Momán, foron facendo repaso de como o seu modo de vida e as súas prácticas cotiás podían ser exemplo para enfrontar o cambio climático e aos negacionistas, para os que teñen unha terapia de choque do máis efectiva.

Pouco despois entrou Celso F. Sanmartín para, a través dunhas poucas historias, poñer de relevancia a importancia das pequenas cousas, da necesidade de respectar os ritmos da natureza e ir máis a modo en todo. E mentres Celso saía do escenario, Miguel Pardellas, membro do Grupo SEPA e coodinador do proxecto, entraba para someterse ás preguntas e dúbidas das Fillas Bravas e explicar o traballo feito en Momán con elas.

O espectáculo rematou cun vídeo de Greta Thumburg, a activista sueca, desde Momán, e a participación dun grupo de rapazas de Conxo que cantaron as coplas finais coas Fillas Bravas e todo o teatro a coro.

Nas próximas semanas o Proxecto ‘Descarboniza! Que non é pouco…’ continúa a súa andaina coas actividades dos grupos de traballo. Así mesmo, no mes de maio está prevista a organización de encontros interxeneracionais entre o alumnado dos institutos e as mulleres participantes nos grupos.

O Teatro Principal ateigouse de público

The contents of this page were updated on 04.15.2019.