Skip to main content

Leo Bassi trae este sábado á USC a súa Gran Misa Patólica

Leo Bassi trae este sábado á USC a súa Gran Misa Patólica
Leo Bassi trae este sábado á USC a súa Gran Misa Patólica

O bufón italiano Leo Bassi regresa á USC este sábado 25 (xa estivera xusto agora hai tres anos) cun espectáculo titulado ‘Gran Misa Patólica’ que máis ca unha obra de teatro é a adaptación dunha verdadeira “misa bufonesca” da famosa Iglesia Patólica, culto de humor, ironía e crítica fundada polo pallaso no madrileño barrio de Lavapiés. Esta montaxe inédita en Galicia, coa que busca espallar “a súa fe e devoción” no seu redentor – un pato de goma–, representarase este sábado no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) cunha dobre función, ás 18.00 e ás 21.00 horas. As entradas (10 euros a xeral e 7 os membros acreditados da USC e desempregados) deben reservarse a través do teléfono 981582836 ou do correo info [at] pallasosenrebeldia.org (info[at]pallasosenrebeldia[dot]org). Froito da colaboración entre a USC e Pallasos en Rebeldía, a recadación do espectáculo contribuirá a financiar o Festiclown Palestina de 2016, o primeiro festival de clown e circo do mundo árabe que xa celebrou varias edicións co propósito de levar sorrisos e esperanza á poboación palestina. Misa patólica El culto patólico comezou o seu periplo o 28 de decembro de 2012 coa apertura de El Paticano de Lavapiés dedicado á adoración dun pato de goma amarelo que se converteu no mesías. Alí celébranse regularmente misas e acontecementos como vodas e bautizos coa súa propia liturxia.

Mais o que comezou como unha travesura orixinal e divertida se converteu xa en algo que transcende a sátira, poñendo en evidencia as contradicións entre a narrativa oficial da nosa sociedade e os valores da xente que a vive. Leo Bassi formulará no seu espectáculo preguntas e reflexións básicas sobre a liberdade de expresión, a ciencia, a tecnoloxía e a relixión.

The contents of this page were updated on 04.22.2015.