Skip to main content

A USC lidera a produción científica sobre Análise do Ciclo de Vida feita en España

É unha liña de investigación que desenvolven os profesores Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira no grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos

A Universidade de Santiago lidera en España a produción de artigos científicos sobre Análise do Ciclo de Vida (ACV), por diante das universidades Autónoma de Barcelona e Rovira i Virgili, segundo se desprende dun artigo publicado este mes na revista International Journal of Life Cycle Asessment elaborado por investigadores chineses e australianos. Á súa vez, no ránking proposto neste estudo, España é o segundo país do mundo con maior produción científica sobre ACV entre 1998 e 2013 e a Universidade de Santiago a sexta institución investigadora mundial máis produtiva. Atendendo ás institucións con maior produción científica neste campo, de España destacan tres, entre elas a Universidade de Santiago e máis concretamente o grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química, no que os profesor Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira lideran a liña de investigación sobre ACV. Concretamente, nesta área teñen publicado máis de 120 artigos en revistas internacionais con elevado índice de impacto. A Análise do Ciclo de Vida alude, segundo a Sociedade de Toxicoloxía e Química Ambiental ao “ proceso para avaliar as cargas ambientais asociadas a un produto, proceso ou actividade identificando e cuantificando a enerxía e os materiais usados e residuos liberados ao ambiente; para avaliar o impacto desta enerxía e materiais usados así como as emisión ao ambiente; e identificar e avaliar as oportunidades para efectuar melloras ambientais”. No período analizado, entre 1998 e 2013, o número de publicacións anuais relativas a ACV pasaron de 38 a 1.014 o pasado ano, cun incremento porcentual que no período comprendido entre 1998 e 2005 foi do 653%. Neste contexto, o país cunha maior produción sen ter en conta as colaboracións internacionais foi Estados Unidos (1.231 publicacións), seguido de España (472), China (457), Alemaña (449) e Reino Unido (410).

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 04.23.2015.