Skip to main content

Unha xornada en Dereito aborda o financiamento europeo de pequenas e medianas empresas

A Facultade de Dereito acollerá o luns 4 de maio unha Xornada de Financiamento Europeo para pemes, organizada polo Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Investidor da USC (CERGI) e IN&S Comunicación e innovación sostenible. Na xornada ofrecerase información sobre financiamento, programas existentes, axudas ou bolsas de interese para estudantes, emprendedores e pequenos empresarios principalmente. Enmarcada nos Cursos Jean Monnet, a xornada comezará cunha presentación a cargo da responsable de IN&S Comunicación e innovación Sostenible e experta en xestión de proxectos, de Tamara Rodríguez Silva, na que explicará o panorama europeo de financiamento, tipoloxía de axudas e requisitos para acceder a elas, así como as diferenzas dos actuais programas de axudas para o período 2014-2020 en relación a convocatorias anteriores. A continuación terá lugar unha mesa redonda coa participación de diversas institucións que explicarán o seu cometido no proceso de apoio ás empresas en busca de financiamento, preparación de propostas, busca de socios, ao tempo que exporán algunhas experiencias reais a modo de exemplo. Neste sesión intervirán representantes da Cámara de Comercio de Santiago, de Igape, da Confederación de Empresarios de Galicia e de Cogami. A xornada completarase cunha presentación práctica sobre preparación de propostas e aspectos clave na xestión de proxectos, para finalizar cun exercicio eminentemente práctico a desenvolver polo propio alumnado. As persoas interesadas poden acadar máis información na web do CERGI.

The contents of this page were updated on 04.29.2015.