Coloquio en Económicas sobre a banca ética galega
A banca ética galega centrará este mércores 29 unha charla-coloquio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Coa colaboración de Triodos Bank e O Peto preténdese construír, a partir das 12.00 no Salón de Graos, un espazo no que coñecer mellor os novos modelos de xestión e negocio responsable que xorden dentro da banca e das finanzas. As entidades participantes abordarán o seu modelo de negocio e compartirán a súa experiencia emprendedora cos asistentes, reflectindo o seu carácter distintivo e innovador fronte ás entidades tradicionais. Aínda que a súa chegada a Galicia pode considerarse relativamente recente, Triodos Bank nace nos Países Baixos en 1980. Como o seu nome expresa, o vocablo grego ‘tri hodos’ aplica un enfoque de triplo resultado: as persoas, o planeta e os beneficios. Segundo os seus obxectivos, financia unicamente sectores sostibles e da economía real, que ademais de ser rendibles benefician ás persoas e ao medio ambiente. AIS "O Peto" é unha asociación sen ánimo de lucro que alenta e propón unha economía ao servizo da persoa, que se encadra no entramado da economía alternativa e concretamente no nivel micro, local, da banca ética. É autoxestionaria e promove unha forma solidaria de aforro e de inversión ética a través de microcréditos a proxectos diversos. A xornada está organizada por JEMSA, Junior Empresa de Santiago e a Oficina de Desenvolvemento Sostible (ODS) e pretende xerar un entorno de debate onde o estudantado poida indagar e reflexionar sobre esta temática. A actividade pecha o programa Afronta o teu futuro laboral que durante todo este mes se desenvolveu na Facultade compostelá.