Skip to main content

A Facultade de Ciencias acolle esta semana unhas xornadas sobre innovación en nutrición, seguridade e tecnoloxía alimentarias

Programa de intervencións das xornadas sobre innovación en nutrición e seguridade alimentaria
Programa de intervencións das xornadas sobre innovación en nutrición e seguridade alimentaria
Carlos de la Cruz García, de Nestlé Nespresso, abre este martes a quenda de relatorios do ciclo do Mestrado en Innovación, Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC acolle esta semana a cuarta edición das Xornadas de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias, un ciclo de relatorios promovido desde o Mestrado en Innovación, Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias que bota a andar este martes que se prolongará ata o 29 de abril. As distintas sesións programadas no marco deste foro poderán seguirse tanto na aula 2 do centro universitario lugués como na sala de xuntas da Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela.

O responsable de asuntos regulatarios e científicos de Nestlé Nespresso Carlos de la Cruz García abrirá este martes, ás 12.00 horas, a quenda de relatorios deste foro cunha sesión a través de videoconferencia desde a Lausanne (Suíza), que se desenvolverá baixo o título ‘Da USC a Nespresso: intercambio de experiencias personais e industriais’.

As doutora Sarah Pastorelli, Manager Products Compliance en Philip Morris International, dará continuidade o martes 24 de abril, a partir das 12.00 horas, ás intervencións programadas neste foro cunha exposición na que tratará algúns dos aspectos xerais da seguridade alimentaria. O director xeral de El Hórreo Healthy Food S. L., Joaquín Monte Fernández, afondará ao día seguinte no marco destas xornadas outras cuestións ligadas á seguridade alimentaria dentro das pequenas empresas.

As IV Xornadas de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxías Alimentarias continuarán o 29 de abril, a partir das 16.00 horas, cun relatorio a cargo do doutor Rafel Paseiro Cerrato, quen abordará na súa intervención a aplicación de técnicas analíticas avanzadas para a caracterización de substancias químicas.

A responsable técnica de Contaminantes do Centro Nacional de Alimentación da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, Juana Bustos García de Castro, pechará o luns 29, a partir das 17.30 horas, a cuarta edición destas xornadas monográficas cunha exposición sobre os riscos químicos dos materiais en contacto cos alimentos. A participación nestas xornadas é libre e de balde para todas as persoas interesadas na temática.

The contents of this page were updated on 04.22.2019.