Skip to main content

O maratón audiovisual Findecurta pecha este martes o prazo de inscrición na súa cuarta edición

Cartaz do IV Findecurta
Cartaz do IV Findecurta
O certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural celebrarase do 26 ao 30 de abril e os dous traballos gañadores proxectaranse na Semana de Cine de Autor de Lugo

A USC pechará este martes 23 de abril o prazo de inscrición na cuarta edición do maratón audiovisual Findecurta, un certame impulsado desde a Oficina de Cultura do campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural que se desenvolverá do 26 ao 30 de abril. As persoas interesadas en tomar parte neste programa poden facelo ata as 14.00 horas deste martes nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou mediante o envío do documento de inscrición a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

As bases polas que se rexe o IV Findecurta, un certame coordinado por Bruno Maez e a través do que se pretende dar resposta ás inquedanzas de novos creadores audiovisuais, ao tempo que se busca ofrecer unha plataforma para facer visible o seu traballo, están accesibles na web www.lugocultural.gal, onde as persoas interesadas poden atopar tamén a ficha de inscrición nesta cuarta convocatoria de Findecurta.

Os organizadores deste programa a prol do audiovisual e das novas creacións agasallarán con 400 euros a proposta máis valorada polo xurado. Asemade, as dúas curtas finalistas tamén serán proxectadas na 41 Semana Internacional de Cine de Autor que promove o Grupo Cinematográfico Fonmiñá.

The contents of this page were updated on 04.22.2019.