Investigadores europeos debaten sobre modelos de produción e consumo sostible nun workshop da Rede Igsea
O I Workshop Internacional en Consumo e Produción Sostible reúne desde este martes na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC unha escolma de investigadores europeos de recoñecido prestixio que abordarán, xunto con outros profesores e investigadores, cuestións ligadas a mecanismos de goberno na cadea de subministro sostible, xestión eficaz da auga e dos recursos humanos, mellora do benestar do consumidor, e innovacións no eido vitícola e vitivinícola.
As xornadas promovidas pola Rede de Investigación para a Xestión Sostible da Empresa Agroalimentaria (Igsea) da USC co obxectivo de favorecer o coñecemento sobre modelos de consumo e produción sostible desde unha perspectiva multidisciplinar, constitúen un foro acaído para a posta en común de distintas iniciativas investigadoras xa desenvolvidas en distintos países europeos, ademais de favorecer o futuro desenvolvemento de novos proxectos, segundo sinalou o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo. Javier Bueno Lema deu a benvida aos relatores e participantes no I Workshop Internacional en Consumo e Produción Sostible no marco dun acto institucional de inauguración oficial no que tamén interviñeron a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro; a subdirectora de Relacións Exteriores e Calidade da Escola Politécnica Superior, Ana Isabel García Arias, e a profesora do Departamento de Comercialización e Investigación de Mercados da USC, Belén Bande, que tamén é a coordinadora Rede Igsea, que aglutina unha ducia de investigadores pertencentes aos dous centros da USC antes citados Programa das xornadas O programa destas xornadas de traballo, organizadas co obxectivo común de impulsar un modelo de xestión empresarial sostible, a través da creación de sinerxías en canto a transferencia e xestión de coñecemento, ademais de definir as necesidades de investigación en materia de consumo e produción sostible e difundir e espertar interese por esta temática, desenvolverase hoxe e mañá no na Facultade de ADE. O catedrático de Xestión da Cadea de Subministro da University of Southerm Denmark Antony Paulraj, abriu a quenda de intervencións cun relatorio sobre os mecanismos de goberno na cadea de subministro sostible. A continuación, Luis Santos Pereira, profesor emérito do Instituto Superior da Universidade de Lisboa, abordou diferentes enfoques sobre a xestión da auga facendo espacial fincapé no importante volume de recursos hídricos asociados aos usos agrarios da auga. A xestión eficaz e sostible dos recursos humanos nas organizacións centrou este martes a intervención de Michael Müller-Camen, catedrático do Instituto de Xestión de Recursos Humanos da Universidade de Viena, mentres que o investigador no Instituto Nacional de Investigacións Agrarias e Veterinarias de Portugal José Manuel Couto Silvestre pechou a quenda de relatorios da xornada de apertura deste workshop cunha charla sobre innovación en viticultura, sostibilidade e ecoloxía. Dous relatorios sobre a importancia crecente da psicoloxía do consumidor no ámbito da comercialización de produtos e servizos sostibles, a cargo do catedrático de Márketing e Benestar do Consumidor da Universidade de Groningem, Koert Van Ittersum, e sobre viticultura de precisión, a cargo Antonio Brasa Ramos, profesor da Universidade de Castilla La Mancha, centrarán este mércores as dúas sesións matinais do I Workshop Internacional en Consumo e Produción Sostible. Este foro rematará cunha sesión de debate e discusión de propostas para concorrer a convocatorias europeas que estará guiado por Susana Fernández López, técnico de I+D+i da USC, e Juan José Fernández de Miguel, de Grupo Eco3g Consulting.