Skip to main content

O último número da revista Sémata aborda a herdanza de Francisco de Asís

O último número da revista Sémata aborda a herdanza de Francisco de Asís
O último número da revista Sémata aborda a herdanza de Francisco de Asís

A Facultade de Xeografía e Historia presentou este xoves o número 26 da revista Sémata que nesta ocasión coordinaron as profesoras María Luz Ríos Rodríguez e Mª Dolores Fraga Sampedro. O centro contribúe así á difusión do legado cultural da orde franciscana, incardinada na cidade compostelá dende a Idade Media ata a actualidade. Baixo o título ‘Francisco de Asís e o franciscanismo. Visións e revisións’ a revista, editada polo Servizo de Publicacións da USC froito dunha colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, aborda dende moi diferentes perspectivas a herdanza de san Francisco no seu tempo e no devir histórico, así como a súa expansión no Occidente cristián e nas consideradas terras de misión, Asia e América. En sintonía co carácter interdisciplinar da publicación, neste número reuníronse artigos de diversas liñas de investigación dende a Filoloxía, a Historia e a Historia da Arte; un total de 32 colaboracións inéditas que abranguen un amplo espectro territorial, cronolóxico e temático. A xeito de homenaxe, e de forma excepcional, incorporouse tamén unha investigación de José García Oro, decisiva achega ao esclarecemento da peregrinación de san Francisco a Compostela.

Sémata é unha revista interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades do campo das Ciencias Sociais e as Humanidades. Os seus números teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte.

The contents of this page were updated on 03.19.2015.