Skip to main content

Unha investigación da USC caracteriza as moléculas de cepas de clons de E. coli causantes de infeccións extraintestinais

Rosalía Seferina Mamani Huarani, na defensa da súa tese de doutoramento en Veterinaria
Rosalía Seferina Mamani Huarani, na defensa da súa tese de doutoramento en Veterinaria
O estudo desenvolvido pola boliviana Rosalía Seferina Mamani e dirixido por Jorge Blanco e Miguel Blanco analiza cepas ST131 illadas en diversos hospitais españois

A rápida propagación a nivel mundial das cepas de Escherichia coli uropatoxénicas e septicémicas do grupo clonal ST131 levou a investigadores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía na Facultade de Veterinaria da USC a estudar as características das cepas ST131 illadas en diferentes hospitais españois, entre eles o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), así como a comparalas coas cepas non ST131.

O desenvolvemento deste estudo centrou a tese de doutoramento ‘Caracterizarción molecular de cepas de Escherichia coli do grupo clonal O25b:H4-B2-ST131 e doutros clons causantes de infeccións extraintestinais en seres humanos. Xenes de virulencia e de resistencia’. Esta investigación, desenvolvida pola boliviana Rosalía Seferina Mamani Huarani baixo a dirección dos profesores da USC Jorge Blanco Álvarez e Miguel Blanco Álvarez, conclúe que o éxito da diseminación das cepas do grupo clonal O25b:H4-B2-ST131 responde á súa capacidade de diversificación xenética , así como ao numeroso arsenal de xenes de virulencia e resistencia a antibióticos que presentan as cepas dun grupo clonal que é o máis prevalente na actualidade e que causa numerosas infeccións urinarias e sepsis en seres humanos de todo o mundo. Nos hospitais españois, do mesmo xeito que sucede a nivel mundial está a aumentar de forma significativa a prevalencia de cepas produtoras de beta lactamasas de espectro estendido (BLEE) e moi especialmente de CTX-M-15, debido á emerxencia do grupo clonal O25b:H4-B2-ST131, segundo se indica nas conclusións desta investigación, nas que tamén se precisa que a existencia de numerosos xenes de virulencia neste grupo clonal de E. coli non está asociado cun incremento da mortalidade. A investigadora boliviana realiza na súa tese de doutoramento unha clasificación das cepas do grupo clonal O25b:H4-B2-ST131 en diversos virotipos, que poden representar distintos subclóns, atendendo aos seus xenes de virulencia. Na análise de cepas ST131 bacteriémicas illadas no Hula, Rosalía Seferina Mamani Huarani detectou que os tres subclóns maioritarios (H30-Rx; H30 no Rx e H22) son so mesmos que os apreciados noutros estudos desenvolvidos recentemente en EE.UU. e Canadá. Tribunal e cualificación O tribunal encargado da avaliación e cualificación da tese de doutoramento que vén de presentar Rosalía Seferina Mamani Huarani na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC estivo presidido por Montserrat Llagostera Casas, da Universidade Autónoma de Barcelona. María Rosario Rodicio Rodicio, da Universidade de Oviedo; Fernando García Garrote, do Hula; Germán Bou Arévalo, do Chuac, e Carlos García Riestra, do CHUS, tamén formaron parte do tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica á tese de doutoramento desenvolvida pola investigadora de Bolivia Rosalía Seferina Mamani Huarani.

The contents of this page were updated on 03.23.2015.