Skip to main content

Medio cento de estudantes de secundaria de toda Galicia redescubren o Bosón de Higgs

O alumnado participante traballará con datos reais procedentes do acelerador do CERN. Foto: Servimav-USC
O alumnado participante traballará con datos reais procedentes do acelerador do CERN. Foto: Servimav-USC

50 estudantes de secundaria de toda Galicia participan este xoves 26 na Facultade de Física nunha nova edición das International Masterclasses, unha xornada na que poden interactuar ao longo dun día cos investigadores do Large Hadron Collider do CERN e tratar de dar caza ás partículas máis fundamentais traballando con datos reais deste laboratorio internacional. A xornada deste xoves 26 na Facultade de Física comezou coa recepción de participantes na Aula Magna e continuou cunha serie de charlas para contextualizar o desenvolvemento do traballo posterior no que a partir de datos reais do acelerador tratarán de dar caza ás partículas máis fundamentais e terán a oportunidade de redescubrir o Bosón de Higgs. A participación galega nesta xornada está coordinada polo Departamento de Física de Partículas e a Facultade de Física e organizada por Carlos Pajares, Carlos Salgado, Cibrán Santamarina, María Vieites e Julián García, do Departamento de Física de Partículas e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Como explica o equipo promotor da iniciativa, a Física de Partículas é un campo científico en efervescencia dende o descubrimento en 2012 do Bosón de Higgs. As International Masterclasses responden ao interese xerado neste campo científico e tratan de trasladalo a outros ámbitos ofrecendo ao estudantado de secundaria a posibilidade de explorar a física de vangarda. Científicos de 210 universidades e laboratorios en 42 países en todo o mundo toman parte nesta sesión, na que se reflicte a participación internacional arredor deste proxecto centrado na Física de Partículas. O estudantado que acudiu á Facultade de Física compostelá experimenta nun entorno real as dinámicas de traballo dos distintos grupos internacional que interactúan arredor do CERN, achegando os seus propios resultados a unha posta en común dun xeito semellante a como se fai nas colaboracións internacionais. Na experiencia danse cita máis de 10.000 estudantes de todo o mundo. Na actualidade, a USC mantén unha destacada presenza en dous dos principais experimentos que operan arredor do LHC do CERN, concretamente o LHCb e ALICE, centrados na comprensión do comportamento de materia e antimateria ou no estado da materia nos primeiros microsegundos de existencia do universo logo do Big Bang. O profesor Carlos Pajares na charla introdutoria celebrada a primeira hora. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 03.26.2015.