Skip to main content

A USC amplía a súa oferta de estudos de grao con oito dobres títulos

A USC amplía a súa oferta de estudos de grao con oito dobres títulos
A USC amplía a súa oferta de estudos de grao con oito dobres títulos

A USC ampliará a súa oferta de estudos de grao para o próximo curso 2015-2016 con oito dobres titulacións, segundo acordou o Consello de Goberno da institución. Trátase, en Santiago, dos graos en Dereito e Relacións Laborais, Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Enxeñaría en Informática e Matemáticas, Matemáticas e Física, Física e Química e Química e Bioloxía. En Lugo ofértanse Enxeñaría Civil e Enxeñaría Xeomática e Topografía e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. Dereito e Relacións Laborais O grao en Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, unha proposta de dobre título xa aprobada polo Consello de Goberno, ten unha duración de seis cursos. A Facultade de Dereito é o centro da USC responsable da organización do itinerario que permite a integración de alumnado admitido na docencia ordinaria dos graos de Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos Comunicación Audiovisual e Xornalismo O dobre título de grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual que se impartirá na Facultade de Ciencias da Comunicación ten unha duración de 5,5 anos e está estruturado en 378 créditos ECTS. A pertinencia deste novo dobre título vén dada polo proceso de transformación das empresas informativas en grupos de comunicación con tarefas máis amplas e diversificadas, ademais de que tanto Xornalismo como Comunicación Audiovisual comparten formación básica e territorio disciplinar, ferramentas tecnolóxicas e ámbitos de intervención analítica. Enxeñaría Informática e Matemáticas O dobre grao en Enxeñaría Informática e Matemáticas presenta unha estrutura académica de 372 créditos ECTS distribuídos ao longo de cinco cursos e medio. A carga docente e de prácticas impartiranse na ETSE e na Facultade de Matemáticas. A proximidade, a interrelación e as boas solucións que depara a confluencia entre dúas disciplinas como o son Matemáticas e Informática, unido ás expectativas que grande demanda laboral que terá este novo perfil de titulados, atópanse nas bases do deseño deste novo título. Dobre grao en Física e Matemáticas Este dobre título que se ofertará o vindeiro curso nas facultades de Física e de Matemáticas, constitúe un itinerario formativo xa implantado noutras universidades españolas desde hai varios anos e con elevado nivel de demanda. Serán cinco cursos académicos cos que a USC busca ampliar o perfil versátil deste tipo de titulados universitarios. Dobre grao en Física e Química Esta nova titulación, única no Sistema Universitario Galego, terá unha duración de cinco anos e desenvolverase nas facultades de Física e de Química. Dobre grao en Bioloxía e Química O dobre título de grao en Química e Bioloxía, que a USC impartirá na Facultade de Química, ten unha duración de seis cursos e o seu programa académico está estruturado en 357 créditos ECTS. A proposta deste dobre itinerario baséase nos requisitos multidisciplinares que se precisan para dar resposta á maioría dos retos científicos na actualidade, así como na existencia de múltiples áreas nas que os actuais profesionais de ambas disciplinas precisan colaborar. Enxeñaría Agrícola, Agroalimentaria, Forestal e do Medio Natural A USC ofertará o vindeiro curso na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o dobre título de grao en Enxeñaría Agrícola, Agroalimentaria, Forestal e do Medio Natural, un itinerario formativo repartido ao longo de seis cursos académicos e no que se conxugan titulacións da mesma rama de coñecemento que comparten formación básica. O interese da USC por ofertar este dobre grao derívase da tendencia de moitos dos egresados por solicitar o recoñecemento de materias ou cursar outra titulación, da necesidade advertida no campo galego de profesionais con competencias no eido da produción agraria e forestal, así como do interese por ofertar un programa atractivo para as persoas interesadas por formarse na xestión e ordenación do territorio rural desde unha perspectiva multifuncional. Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía

O dobre título de grao en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, a impartir na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, constitúe unha aposta estratéxica da USC moi acaída no marco do proxecto de Campus Terra. Trátase dun itinerario formativo estruturado en 359 créditos ECTS repartidos ao longo de seis cursos, a través do que a USC busca aportar ao estudante formación e competencias en dúas titulacións da mesma rama de coñecemento e con ámbitos de actuación a veces coincidentes.

The contents of this page were updated on 03.27.2015.