Skip to main content

Rodríguez Lestegás, reelixido para un segundo mandato como decano da Facultade de Formación de Profesorado

Francisco Rodríguez Lestegás, no seu despacho do decanato da Facultade de Formación de Profesorado
Francisco Rodríguez Lestegás, no seu despacho do decanato da Facultade de Formación de Profesorado
Carmen Díaz, como vicedecana, e Mar Viña, en calidade de secretaria, completan un equipo que sinala respecto, consenso e cordialidade como piares do seu traballo

O catedrático do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Socias da USC Francisco Rodríguez Lestegás vén de ser reelixido como decano para un segundo mandato á fronte da Facultade de Formación de Profesorado do campus de Lugo, logo da votación celebrada no marco da última xunta de Facultade, un proceso no que obtivo 22 votos a favor da súa candidatura e dous sufraxios en branco. A profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC María do Carmen Díaz Rodríguez, en calidade de videcana, e a tamén profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá María do Mar Viña Rouco, como secretaria e responsable académica de mobilidade, completan un equipo decanal da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo que afronta o seu derradeiro mandato coa pretensión de dar continuidade ao traballo desenvolvido ao longo dos últimos catro anos. Mellorar as deficiencias observadas, adoptar medidas innovadoras sempre e cando sexa preciso e oportuno e, sobre todo, adaptarse ás novas circunstancias, por moi descoñecidas que resulten, constitúen tres das premisas fixadas para os próximos catro anos por un equipo decanal que xa afrontou durante o seu primeiro mandato a finalización do proceso de transformación da antiga Escola de Maxisterio en Facultade de Formación de Profesorado. A conservación e consolidación dunha oferta de titulacións acorde á historia do centro universitario, a renovación da acreditación de calidade dos títulos de grao e máster ofertados e, sobre todo, a firme vontade de que a actividade docente, investigadora e de xestión contribúa a mellorar a formación persoal e profesional do estudantado, que, segundo Rodríguez Lestegás, é e debe ser o verdadeiro protagonista deste centro universitario, son algúns dos obxectivos fixados polo seu equipo de goberno para este segundo mandato. A maior visibilidade do labor de investigación desenvolvido na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo é outro dos eidos nos que pretende avanzar nos próximos catro anos o equipo comandado por Rodríguez Lestegás, quen tamén reivindica a plena ocupación do complexo docente que é propiedade da USC, ademais da recuperación do pavillón universitario en quenda de tarde. Sabedor e consciente das múltiples dificultades que afectan á vida diaria e ao bo funcionamento da Facultade de Formación de Profesorado da USC, Rodríguez Lestegás sinala que a vontade do equipo de goberno que encabeza pasa por continuar a asentar a súa actuación diaria en tres principios básicos, tales como o son respecto, consenso e cordialidade.

The contents of this page were updated on 03.27.2015.