Skip to main content

O investigador Diego Martínez incorporarase á USC a través do programa Oportunius de captación de talento

Diego Martínez e Francisco Conde saúdanse en presenza do reitor Juan Viaño. Foto: Xunta de Galicia
Diego Martínez e Francisco Conde saúdanse en presenza do reitor Juan Viaño. Foto: Xunta de Galicia
O reitor Juan Viaño e o conselleiro Francisco Conde reuníronse este luns co investigador, ao que o European Research Council (ERC) concedeu unha bolsa Starting Grant

O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantiveron este luns 9 un encontro co investigador Diego Martínez Santos a quen o European Research Council (ERC) concedeu unha bolsa Starting Grant que vai desenvolver na Universidade de Santiago. A través do programa Oportunius de captación de talento promovido pola Xunta de Galicia, Diego Martínez retornará a Galicia o próximo trimestre procedente do Instituto Nacional de Física Subatómica de Holanda (NIKHEF). No encontro tamén participoron Carlos Salgado, vicerreitor de Internacionalización que tamén xestiona outra bolsa Starting Grant na Facultade de Física compostelá, e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey. Con esta próxima incorporación, a USC sumará dous equipos de investigación con financiamento Starting Grant traballando nos experimentos que a institución docente compostelá desenvolve no Large Hadron Collider (LHC) do CERN, o máis grande e potente acelerador de partículas do mundo. O proxecto de Martínez Santos vai estender o alcance científico do LHCb (un dos experimento do LHC con participación da USC) máis alá do seu deseño orixinal, coa modificación do detector para poder seleccionar e estudar mesóns lixeiros con estrañeza, que achegarán información complementaria dos mesóns con beleza. Doutor en Física pola USC, Diego Martínez Santos foi premiado co Young Experimental Physicist Prize correspondente a 2013 que outorga bienalmente a European Physical Society. O galardón premia o destacado labor dun ou máis físicos experimentais novos –nacidos a partir do 1 de xaneiro de 1978–no campo da Física de Partículas e/ou Astrofísica de Partículas. Como explicou o xurado, o galardón concedido a Diego Martínez subliñaba a súas “ destacadas achegas á activación e posta en marcha do experimento LHCb e as análises conducentes á primeira evidencia da rara desintegración de B0s→μ+μ−”. O que fai “particularmente relevante” a desintegración da partícula Bs en muóns é que “a taxa de desintegración é sensible a aspectos moi interesantes dende o punto de vista físico como por exemplo a existencia doutros bosóns de Higgs máis pesados que o descuberto”, ademais de poder dar pistas sobre a natureza da materia escura, “un dos crebacabezas que a física actual aínda non resolveu”, explicaba o investigador. Oportunius A captación de talento investigador galego, así como a formación de científicos con potencial para conseguir as mencionadas bolsas do ERC son o eixo fundamental de desenvolvemento do programa Oportunius. Neste senso, e segundo sinalou a Xunta de Galicia a aspiración do programa é incorporar a 24 investigadores de referencia ao Sistema Galego de I+D para desenvolver liñas punteiras e competitivas a nivel internacional dende Galicia. De esquerda a dereita, Juan Viaño, Carlos Salgado, Manuel Varela, Diego Martínez e Francisco Conde. Foto: Xunta de Galicia

The contents of this page were updated on 03.09.2015.