Skip to main content

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC pecha a súa quinta edición na EPS con premios aos mellores proxectos

Estudantes da última promoción do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC
Estudantes da última promoción do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC

O máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, un posgrao propio da USC organizado pola Plataforma da Madeira Estrutural (Pemade) da institución académica compostelá en que conta con financiamento de, entre outras entidades, Confemadera Galicia, pechou este venres a súa quinta edición cunha cerimonia de clausura, durante a que se procedeu á entrega de premios aos autores dos tres mellores proxectos de final de máster.

O director do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Ramón Velo Sabín, presidiu a clausura da quinta edición deste máster, no marco dun acto no que tamén participaron o director do posgrao, o catedrático da USC Manuel Guaita; o concelleiro do Concello de Lugo Daniel Piñeiro, e o tamén profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e presidente do tribunal encargado de fallar os premios de fin de máster, Juan Ortiz Sanz. O acto de clausura deste máster permitiu congregar no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo unha ampla representación das 32 persoas que completaron ao longo do último exercicio académico un programa de posgrao impartido por 62 profesores, todos eles profesionais e docentes da área da construcción e da Tecnoloxía da madeira. Respecto do alumnado da última edición deste máster da USC, que vén de ampliar o seu prazo de preinscrición ata mediados do mes xullo, cómpre salientar a diversidade de perfís entre os estudantes desta última edición, entre os que se atopan arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros técnicos forestais, enxeñeiros de montes, enxeñeiros agrónomos e enxeñeiros civís. A maioría dos estudantes da promoción 2014-2015 do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural proceden das distintas provincias galegas, concretamente 17. Sen embargo, entre este alumnado tamén hai 7 persoas chegadas de Madrid, 3 de Castela León, ademais de cadanseu representantes de Castela a Mancha, A Rioxa, Cataluña e País Vasco. Guaita, Piñeiro, Velo, Ojea e Ortiz, na clausura da última edicion deste posgrao na EPS

The contents of this page were updated on 06.26.2015.