Skip to main content

Intelixencia artificial, cambio climático ou memoria histórica, entre os temas que aborda unha nova edición de ‘Pint of Sciencie’ en Santiago

Cartel desta nova edición de Pint of Science
Cartel desta nova edición de Pint of Science
Entre este luns 20 e o mércores 22 en A Nave de Vidán

María Cristina Rodríguez Fontenla e José Manuel C. Tubio, investigadores do CiMUS, e o catedrático Senén Barro Ameneiro abren este luns 20 unha nova edición de Pint of Science cunha serie de intervencións sobre tecnoloxía, concretamente sobre xenética e intelixencia artificial. A sesión desenvolverase a partir das 20.00 horas en A Nave de Vidán. Pint of Science é o festival de divulgación científica que propón un encontro entre persoal investigador e público nos bares, celebrándose simultaneamente entre este luns e o mércores próximo en 73 cidades de España, entre elas Santiago de Compostela. No seu conxunto a 5ª edición segue batendo récords, xa que acumula 387 eventos en 148 bares, coa participación de 784 científicos como relatores e máis de 400 voluntarios na organización.

María Cristina Rodríguez será a primeira en intervir falando sobre ‘Tecnoloxías de secuenciación de nova xeración: descifrando a xenética do autismo’, seguida de Senén Barro Ameneiro coa charla ‘A Intelixencia Artificial e os seus paradoxos’, para rematar co José Manuel C. Tubio que aludirá á revolución das tecnoloxías de secuenciación xenómica.

O martes 21 o programa continuará dedicado ao cambio climático da man de Iria Fernández e Juan Picos, da UVigo, e do vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri. Os arrecifes de coral fronte ao cambio climático e as ferramentas e prácticas forestais para mitigar os efectos do cambio climático, serán os temas que traten os dous primeiros, mentres que o docente da Facultade de Física compostelá referirase ao clima como motor da historia da humanidade.

Finalmente, o programa do mércores 22 terá como protagonistas a Ángeles López Agüera co relatorio ‘Migrantes climáticos, realidade, causa e resposta. A actual migración é climática?’; a Daniel Lanero Táboas co chalar ‘Por que temos un “problema” coa vivenda en España? Algunhas claves históricas’; e a Antonio Míguez Macho co tema ‘Podemos curar o pasado? Memoria dos conflitos, conflitos de memoria’.

The contents of this page were updated on 05.20.2019.