Skip to main content

A USC contribúe á mellora do sector porcino na comarca do Deza cun estudo bioxenético orientado a optimizar a calidade

Corujo, Crespo, López, Losada e Iglesias, na sede do Ibader
Corujo, Crespo, López, Losada e Iglesias, na sede do Ibader
A investigación desenvolvida no Ibader por Antonio Iglesias conclúe que o cruce de raza materna celta con exemplares de Duroc Jersey ofrece os mellores rendementos

A USC contribúe á mellora do sector porcino na comarca do Deza co desenvolvemento dun estudo biolóxico e xenético encamiñado a obter unha valoración produtiva do crecemento dos animais transferible aos produtores, en función dos diferentes que se realicen, e tamén para o deseño de curvas de crecemento óptimas e acaídas ao manexo dos animais. O autor de investigación, desenvolvida polo profesor do Departamento de Anatomía e Produción Animal da USC na Facultade de Veterinaria e coordinador do grupo de investigación Recursos zooxenéticos e as súas producións, Antonio Iglesias Becerra, presentou este xoves os resultados do estudo, un traballo para o que se empregaron datos experimentais resultantes do cruzamentos entre as razas ou marcas comerciais paternais Mangalica, Landrace, Duroc Jersey e Pietrain, con femias da raza porcina Celta, autóctona de Galicia. Os pesos promedio por idade ata os sete meses comportáronse mellor nos cruzamentos Duroc Jersey x Celta, seguidos polos cruces de liñas paternas Landrace e Pietrain, ambos con resultados moi similares. O cruzamento de Mangalica x Celta é o menos eficaz no que se refire a ganancia media diaria de todos os cruces que proveñen das razas paternas estudadas. A maior eficiencia baseada no consumo de alimento, nas nosas condicións de traballo, e para a idade de sacrificio aos sete meses resultaron ser os cruzamentos Duroc x Porco Celta, o resto de cruces seguen a mesma pauta que a que se obtivo para os pesos promedio. No horizonte dun ano, o cruce Duroc x Celta mantén as mellores ganancias de peso conxuntamente co cruce con Pietrain. No referente a índices de conversión, é dicir a relación entre o alimento consumido e a ganancia de peso obtida, este cruzamento presenta valores lixeiramente máis altos, e, polo tanto, maiores consumos de alimento que os cruces con Pietrain, aínda que os devanditos consumos compénsaos coas boas ganancias medias diarias de peso obtidas. A directora do Ibader, Elvira López Mosquera; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Crespo; o presidente de Asoporcel, Manuel Losada, participaron este xoves na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, no acto de presentación dos resultados deste proxecto de investigación, financiado pola Deputación Provincial de Pontevedra con cargo a fondos europeos, a través do que se persigue mellora a calidade e a competencia do sector porcino na comarca do Deza.

The contents of this page were updated on 03.05.2015.