Skip to main content

A calidade lingüística dos traballos ten premio na USC

A entrega dos premios tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia (Foto: SERVIMAV)
A entrega dos premios tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia (Foto: SERVIMAV)

A calidade lingüística dos traballos académicos que o estudantado realiza en galego ao longo dos seus estudos universitarios ten premio dende hai unha década na USC. Sexa o de fin de grao, carreira ou mestrado ou un traballo de investigación para unha materia, as comisións de normalización lingüística dos campus de Santiago e Lugo entregan cada ano un total de 15 premios nun acto protocolario. Nesta décima ocasión foi o reitor Juan Viaño quen presidiu o acto de entrega na Facultade de Xeografía e Historia, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o decano da facultade anfitrioa, Juan Monterroso; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. Ao chamado da edición correspondente ao pasado curso presentáronse 5 traballos académicos, 73 traballos de fin de grao (TFG) ou proxectos de fin de carreira (PFC) e 42 de fin de mestrado (TFM), dos que o xurado, para quen nalgúns casos resultou “certamente complicado”, tivo que escoller quince gañadores, un por cada modalidade e área de coñecemento. Fin de grao e carreira Na modalidade de TFG/PFC recibiron o premio os graduados en Enxeñaría Química María González Iglesias, Carlos Maquieira González e Patricia Seoane da Silva polo traballo Planta de produción de caprolactama. En Ciencias Sociais e Xurídicas foi premiada Cristina Gómez Rivas, graduada en Mestre de Educación Infantil, por Comunidades de Aprendizaxe no CPI Castroverde. Os grupos interactivos de inglés en quinto de primaria. Na área de Ciencias entregáronse dous premios ex aequo: Busca da desintegración, da física Sofía Otero Ugo, e Desenvolvemento de potenciais materiais magnéticos derivados de imidazolinas, do químico Julio Corredoira Vázquez. Elaboración de menús equilibrados, segundo recomendacións da dieta atlántica, para a tempada outono-inverno foi o traballo premiado na área de Ciencias da Saúde da autoría de Paula Roca Saavedra, graduada en Nutrición Humana e Dietética. Por último, tamén ex aequo, recibiron o premio na área de Arte e Humanidades o graduado en Historia David Vale Díaz polo traballo Uso público da historia. A política exterior dos EEUU na posguerra fría (1991-2001) e Xoán Carlos García Souto, do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, por A música na obra de Lois Pereiro. Fin de mestrado Na modalidade de TFM fixéronse co premio Miguel Álvarez Díaz (Dirección de Proxectos) polo traballo Organización e xestión de proxectos de investigación en hidrodinámica de rías na área de Enxeñaría; e en Área de Arte e Humanidades Bruno Esperante Paramos (Historia Contemporánea) por Representacións populares e ilustradas da tecnoloxía agraria da segunda onda da industrialización (1890-1940). Nas tres áreas restantes os premios concedéronse ex aequo de xeito que na de Ciencias Sociais e Xurídicas foi para A introdución da literatura dixital nas aulas de ESO e Bacharelato, de Andrea Martíns Fernández (Formación de profesorado de Educación Secundaria), e A escola e a produción da subxectividade, de Jacobo López Castro (Formación de profesorado de Educación Secundaria). Reconstrución de trazas de electróns no experimento NEXT, de Gonzalo Martínez Lema (Física Nuclear e de Partículas e as súas Aplicacións Tecnolóxicas e Médicas), e Cálculo fraccionario e funcións periódicas, de Jorge Losada Rodríguez (Matemáticas), foron os traballos premiados en Ciencias, mentres que en Ciencias da Saúde recoñecéronse Clasificación morfolóxica da crista ósea alveolar postdistracción: estudo descritivo, de Alba Vázquez Casal (Ciencias Odontolóxicas), e Reanimación cardiopulmonar de calidade en lancha de rescate. É posible? Estudo piloto, de Mª Ángeles Arca Bustelo (Atención Sanitaria, Xestión e Coidados). Traballos académicos Por último, recibiron os premios á calidade na modalidade de traballos académicos Roi e Águeda Capón Fernández, de Veterinaria, por Os concursos morfolóxicos de vacas e o estres; Alberto Liñarez Lamas e Óscar López Gestoso, de Enxeñaría Química, por Motores de combustión interna: ciclos; o alumno de Historia David Vale Díaz por Reacción social e política ante o desastre medioambiental do Prestige; Lara Lozano Aguiar, de Xornalismo, por A necesidade de lexislación e códigos para actividade e uso de redes sociais: dereitos e responsabilidades dos usuarios e provedores de rrss; e Noelia María Muíño González, de Comunicación Audiovisual, por Como evoluciona a presenza do cine europeo en Turquía nos últimos anos?.

Os Premios á calidade lingüística pretenden fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentivan o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, a coherencia, etc., en galego.

De esquerda a dereita, Juan Monterroso, Valentín García Gómez, Juan Viaño, Carme Silva e Manuel Núñez Singala (Foto: SERVIMAV)

The contents of this page were updated on 03.10.2015.