Skip to main content

Francesco Tonucci presenta en Ciencias da Educación o seu proxecto ‘A cidade dos nenos’

Francesco Tonucci presenta en Ciencias da Educación o seu proxecto ‘A cidade dos nenos’
Francesco Tonucci presenta en Ciencias da Educación o seu proxecto ‘A cidade dos nenos’
Trátase da tradución ao galego da obra na que propón que os máis novos colaboren no deseño e na planificación dos servizos e dos espazos urbanos

O prestixioso educador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci presenta este venres 13 ás 13.00 horas en Ciencias da Educación (Campus Norte) o seu libro A cidade dos nenos. Na obra, traducida ao galego en Kalandraka por Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez, o autor explica a posta en marcha na súa cidade natal de Fano en 1991 dun Consello Municipal da Infancia para que os máis novos puideran colaborar no deseño e na planificación dos servizos e dos espazos urbanos, unha iniciativa que logo se estendeu a moitos países, entre eles España. Na presentación participarán tamén a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, María del Carmen Fernández Morante; o profesor e autor do limiar do libro, Antón Costa; e Mónica Baleirón, unha das artífices desta primeira tradución ao galego de A cidade dos nenos. O autor Francesco Tonucci é autor de numerosos libros sobre a infancia na sociedade actual. Graduado en Pedagoxía en 1963, traballou como mestre e dirixiu o Departamento de Psicopedagoxía do Consello Nacional de Investigación italiano. En 1997 foi nomeado presidente do Comité Italiano de Televisión e Menores para a protección da infancia. Colabora coa Cidade da Ciencia de Nápoles e co seu Laboratorio dos nenos e é asesor científico do proxecto ‘O museo dos nenos’ de Roma e doutras entidades vencelladas ao Proxecto Internacional da Cidade dos Nenos.

The contents of this page were updated on 03.12.2015.