Ramón Villares, doutor honoris causa pola Universidade de Minho
A Universidade de Minho celebra este mércores o acto de nomeamento de doutor honoris causa do catedrático de Historia Contemporánea da USC Ramón Villares Paz. O outorgamento desta distinción foi acordada por unanimidade dos membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa, neste caso, a proposta do seu Instituto de Ciencias Sociais. A cerimonia, que terá lugar esta tarde ás 16.00 horas (17.00 hora española) e á que asiste o reitor Juan Viaño, será retransmitida en streaming dende o salón medieval da reitoría en Braga a través do enlace https://www.youtube.com/watch?v=h10jsMoL1gs. Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987 e experto en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Ademais é autor de máis de setenta publicacións.
Reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, actualmente é o presidente do Consello da Cultura Galega dende 2006. Con anterioridade foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e membro fundador e presidente da Asociación española de Historia Contemporánea, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e consultor externo de entidades como o Instituto de Ciencias Sociais portugués ou presidente do Panel de Avaliación das Unidades de investigación en Historia de Portugal. Tamén pertence aos padroados do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane e da Fundación Otero Pedrayo.